Presencia-Opinión
/ Iberoamérica
Bolivia en estado de sitio
Por Lino Pellitero (Canal Mundo, 11/04/2000)
Varios conflictos illados, aparentemente inconexos teñen xerado unha sensación de desgoberno en Bolivia. Grupos de labregos, policías, universitarios levan unha semana de duras mobilizacións demandando auga, subidas salariais, demisións... O dictador dos anos 70, e agora presidente referendado por decisión das urnas Hugo Banzer, só acerta a afrontar a situación mediante medidas de represión. Estado de sitio, mortos, feridos, detidos, invasión das casas, militarización das rúas...forman parte dunha historia que, 20 anos máis tarde, volta repetirse a xeito de pesadelo.
Hai unha semana A Coordenadora de Defensa da Auga e a Vida decide comezar un bloqueo da cidade de Cochabamba que paraliza a súa actividade urbana. Esixían a retirada do contrato subscrito polo Estado Boliviano coa Empresa británica “Aguas de Tunari” polo que esta empresa privada administraría os recursos hídricos e a súa distribución.
A maioría dos labregos concentrados non estaban de acordo en que un ben público, como a auga, estivese nas mans de “Aguas de Tunari. Ríos e mananciais quedaban a disposición da empresa. O goberno asegura que deste xeito o 50% da poboación de Cochabamba tería acceso, a curto prazo, a auga corrente. Mais os campesiños non estaban dispostos a renunciar ao acceso libre aos mananciais, nin a pagar un aumento estimado no prezo da auga do 300%.
O bloqueo continuou durante toda a semana. O desabastecemento, coa consecuente escalada de prezos, comezou a ser patente. Todas as negociación foron infructuosas. A coordenadora pediu a mediación do Arcebispo de Cochabamba para tratar de amolecer ao prefecto do departamento Hugo Galindo. Atado dente goberno, móstrouse inflexible na negociación, pero tolerante coas medidas de represión, sen tomar decisións de orde pública contra dos manifestantes.
O pulso estaba no aire. O goberno prevía que a propia cidadanía se enfrontaría contra dos manifestantes, quen co sitio a cidade causaban enormes molestias aos seus habitantes. A Coordenadora de Defensa da Auga e a Vida” estaba convencida que só a firmeza podía mudar a decisión do Goberno Banzer de privatizar a auga.
O xoves día 6 o goberno Banzer deu os primeiros sinais de autoritarismo e mostrouse decidido a esnaquizar o pulso, crebando o forte brazo dos manifestantes. Mentres a Coordenadora e as autoridades da prefectura de Cochabamba ultimaban os detalles da inminente negociación a policía irrompe na reunión e leva detidos a todos os dirixentes da coordenadora. No exterior comeza unha durisma intervención policial contra dos manifestantes, concentrados na Praza 14 de setembro, que agardaban polo resultado das negociacións. Gases lacrimóxenos, balas de goma, porradas son repartidos cunha xenerosidade, que presaxia o estado de sitio.
Na capital as cousas tampouco son un remanso de paz. Un considerable número de mulleres de policías están pechadas pedindo un aumento de soldo do 30% para un axentes da orde que só cobran unhas 17.000 pesetas. Os policías amotínanse e desobedecen a orde de desaloxar ás súas propias mulleres.
Na universidade un pequeno grupo de alumnos manteñen unha postura tan drástica coma esaxerada, pero sen dúbida escalofriantemente abráiante. Cada certo tempo extráense sangue para pintar murais esixindo a dimisión do rector.
Todos estes acontecementos desbordaron ao presidente Hugo Banzer. Tal sensación de caos fíxolle sacar á luz ese dictador dos anos 70 que leva dentro.
A igrexa, o opositor MNR (Movemento Nacionalista Revolucionario), a Asemblea Permanente de Dereitos Humanos de Bolivia... todos piden o cese da represión, a reconducción do país as normas constitucionais e diálogo para a crise.
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
ÚLTIMA REVISIÓN: 11/04/2000