Presencia-OpiniónVolver ó índice / Balcáns


Balcáns: a fin dunha década
Por Carlos Méixome (Canal Mundo, 17/10/2000)

Os protagonistas da sanguenta década dos noventa, da cruenta desintegración da República Federal de Iugoslavia, os que se estreitaron as mans, sen mirarse aos ollos, en Dayton,
vanse afastando, voluntariamente ou non, do primeiro plano político. Nos restos de 1999, a mortal condición humana de Tudxman deixou as portas abertos ao relevo. O incombustible Milosevic está, aparentemente, fora de xogo despois dunha primeira volta electoral da que non se souberon os resultados. Agora é Alia Itzebegovic quen presenta a súa dimisión, dous anos antes que remate o seu mandato, aducindo motivos de saúde.

O presidente de quenda de Bosnia- Hercegovina, Alia Itzebegovic, no seu discurso de despedida, lembrou os dramáticos acontecementos da década e o repetido fracaso das tentativas de topar solucións pacíficas á cuestión bosníaca.

Moitos analistas consideraron sempre a Itzebegovic como un home incapaz de facerlle fronte ás habilidades políticas, mesmo brutais de ser necesario, dun Milosevic ou ao xogo sucio, tan cruel ou máis que o do anterior, de Franio Tudxman. No ano anterior ao comezo da guerra, Milosevic e Tudxman coincidían no reparto do territorio bosníaco. Estaban unidos polo expansionismo dos seus proxectos: a Gran Croacia e a Gran Serbia. Tudxman por que esa era a súa ideoloxía, Milosevic por que o empregaba como instrumento para manterse no poder. Mais Sarievo resistiu e unha inestable Bosnia foi tomando forma baixo protectorado occidental.

O futuro de Bosnia segue incerto. A consolidación dunha Bosnia plurietnica depende de dous factores: un externo, a renuncia ás pretensións imperialistas por parte de Croacia e Serbia; outro interno, profundar na difícil cohesión dun estado, nacido da forzada paz de Dayton, no que teñen que convivir moitos croatas e bosníacos que seguen a soñar con incorporarse cos territorios, nos que son maioría, aos seus países orixinarios.

Semella que a dimisión de Itzebegovic está relacionada co abandono forzado de Milosevic. As razóns de saúde terían aconsellado que o fixera con anterioridade, mais darse a pequena satisfacción de retirarse despois de Tudxman e Milosevic mantivérono na presidencia. Aínda que o desagravio non deixe de ser un novo fracaso para quen perdeu unha guerra que non comezou, para quen entregou as armas ao Exercito Federal para evitar que caesen nas mans dos radicais serbios, para quen veu Saraievo arrasado nunha guerra que causou 200.000 mortos, para quen tivo que buscar apoio nos sectores máis radicais dos movementos islámicos internacionais e empregar ás víctimas civís como reclamo da protección occidental, para quen tivo que ver como Tudxman, como os grandes dictadores, morría na cama ou para quen se retira sen que o cambio político en Belgrado supoña o final de Milosevic e mesmo para quen abandona a presidencia de Bosnia sabendo que polas rúas das cidades da República Srpska, territorio bosníaco, seguen paseando con total impunidade tanto Ratko Mladic coma Radovan Karadzic.

A morte de Tudxman supuxo a perda do poder para o seu partido, a Unión Democrática Croata (HDZ) quen foi derrotado nas posteriores lexislativas e presidenciais. O abandono de Milosevic levará, con seguridade, ao Partido Socialista Serbio, quen xa so se preocupa da súa supervivencia, a ter que facer o mesmo nas institucións serbias se non o ten que facer antes de que se celebren as lexislativas adiantadas. En semellantes circunstancias pode quedar o Partido de Acción Democrática (SDA), desprestixiado pola corrupción xeneralizada, despois da retirada do seu líder, aínda que este anunciou que se manterá ao fronte do mesmo.

Carlos Méixome é membro do IGADI e coautor de O conflicto dos Balcáns, Ir Indo, 1994.Volver ó índice


Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 16/10/2000