PresenciaVolver ó índice / Balcáns


Ameazar coa solución
Por Xulio Ríos (artigo publicado en Vieiros o 5/2/99 e en La Voz de Galicia o 4/2/99)

A propósito do actual drama balcánico e as novas expectativas de paz xeradas polo ultimatum do grupo de contacto, a priori, cabe agardar que tanto as partes en conflicto como os actores internacionais, expliciten certa conformidade coa necesidade de por fin ás hostilidades. O problema radica na definición das bases que deben sustentar un hipotético arreglo pacífico do litixio cando impera a crenza de que a limpeza étnica e a guerra son os únicos medios efectivos para acadar obxectivos políticos. Se a comunidade internacional considera máis "rendible" impedir a destrucción ca financiar a reconstrucción debe achegar medios e implicarse máis a fondo.

Como sinalou Tommaso di Francesco, redactor en xefe de Il Manifesto, "xa é hora de que Europa e Occidente decidan o que queren facer cos Balcáns". Esa indefinición alenta o conflicto e debilita a capacidade de presión exterior.A concrección dun compromiso de paz veriase favorecida se a Europa comunitaria consegue definir estratexias de integración que permitan o avance de fórmulas asociativas máis alá dos focos inmediatos de tensión, observando a Europa balcánica como subconxunto. A paz nos Balcáns precisa unha contextualización idónea que, paradoxalmente, esixe a adopción de estratexias que "europeizen" a rexión.

A exclusiva adopción de medidas de forza dificilmente pode incidir sobre a raíz do problema. Con ou sen avións da OTAN, con ou sen presencia militar exterior sobre o terreo, a forza armada debe ser instrumento e portadora de solucións e non de máis destrucción. Resulta imposible obviar unha negociación política que involucre, en primeiro lugar, ás propias partes. ¿Sobre que bases? O abano de variables é amplo.

Se nos alonxamos dos principais extremos, a independencia ou a integración en Albania, soño explicitado polo ELK e que tantas reticencias provoca no exterior, e a simple configuración, sen matices, dentro da provincia de Serbia, caben aínda varias opcións. En primeiro lugar, a recuperación dunha autonomía sensiblemente ampliada, tomando a de 1974 como punto de partida. En segundo lugar, a refundación de Iugoslavia equiparando o status de Kosovo ó de Serbia ou Montenegro. A conxelación do contencioso, como fórmula transitoria en tanto non se acada unha solución definitiva, podería materializarse cun acordo semellante ó de Chechenia-Rusia ou o establecemento dun protectorado internacional que asegure a desmilitarización, o regreso dos refuxiados e a fin da limpeza étnica.

Xulio Ríos é director do IGADI e coautor de "O conflicto dos Balcáns" (Ir Indo edicións). Volver ó índice


Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional

ÚLTIMA REVISIÓN: 6/2/99