PresenciaVolver ó índice / Balcáns


Algo falta
Por Xulio Ríos (artigo publicado no diario La Voz de Galicia o 21/04/99)

Falta algo nas mobilizacións que estos días se desenvolven por Galicia adiante en contra da guerra nos Balcáns. É comprensible que se critique a acción da OTAN, que se condene con firmeza o uso da violencia para resolver problemas políticos, que se reivindique o dereito do pobo albanés de Kosovo a decidir o seu futuro con plena e absoluta liberdade, pero chama poderosamente a atención a inexistencia de alusións a Milosevic ou mesmo que unha diana, como a exhibida polos manifestantes en Belgrado, sexa o símbolo das protestas de aquí. É unha coidada escenificación que elude pronunciarse claramente sobre algo fundamental: a naturaleza do réxime serbio. Ese silencio non favorece a ninguén máis que a Milosevic, quen interpreta esa oposición como un respaldo á súa política.

Moitas das persoas que participan nestas mobilizacións non ocultan a súa admiración polo positivo papel desempeñado polo mariscal Tito na conformación de Iugoslavia, un recoñecemento máis opacado en tempos da URSS pero que medrou despois da desfeita soviética. Pero quen simpatice con Tito (croata, non esquezamos), baixo ningún concepto debería admirar hoxe a Milosevic. Entre outras razóns, porque o balance que o actual líder serbio realiza do período titista é ata tal punto negativo que o reduce ó exercicio dunha política deliberadamente hostil a Serbia. Esa é unha das principais teses do Memorando da Academia de Ciencias de Belgrado, fonte intelectual do delirio ultra de Milosevic. Cómpre, pois, matizar, porque facelo non resta contundencia á denuncia da estratexia belicista da OTAN e andar a medias tintas pode dar lugar a grandes e dramáticos equívocos.

Xulio Ríos é director do IGADI (Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional). Volver ó índice


Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional

ÚLTIMA REVISIÓN: 26/4/99