Presencia-OpiniónVolver ó índice / Rusia


Acenos de Putin
Por Carlos Méixome (Canal Mundo, 16/05/2000)

Exerce oficialmente como presidente da Federación Rusa dende o pasado día oito e seguimos sen coñecer o seu programa político. Pouco importa, gañou as presidenciais sen el. Na política rusa, e non só nela, os programas son o de menos.
Para saber por onde vai temos que fixarnos nos xestos: toma de posesión napoleónica, goberno de carácter técnico, asalto ás sedes do medios de comunicación opositores, nova organización de dubidosa constitucionalidade. ¡E só nunha semana!

Como nos tempos soviéticos, cando se adiviñaba a influencia dos dirixentes segundo o lugar que ocupaban na presidencia das celebracións do 1º de Maio, Putin asumiu formalmente a presidencia nun acto no que expresou as súas intencións na posta en escena. Desfiles militares con soldados engalanados con traxes imperiais que saudaban ao berro de “camarada presidente”; arroupado polas autoridades federais e polo anterior presidente, ausencia de mandatarios estranxeiros, o patriarca ortodoxo en segundo plano, Gorbachov convidado e un discurso con constantes referencias á democracia, a avanzar nas reformas e a unha Rusia libre, forte, rica, civilizada e respectada no mundo da que os seus cidadáns se sintan orgullosos.

Despois veu a formación do goberno e o nomeamento de Primeiro Ministro. En contraste co barulleiro Ieltsin, a discreción de Putin é excesiva. Nomeou a quen se esperaba, un home da súa idade e carácter. Kasiánov, enxeñeiro e economista, especialista en finanzas, coñecido nas institucións económicas internacionais, con boas relacións cos “oligarcas”, é “pouco” político. O goberno terá pois un perfil técnico. As decisións tomaranse no Kremlin.

Catro días despois, ao tempo que conseguía un éxito diplomático ao desestimar o comité de ministros do Consello de Europa a solicitude de expulsión de Rusia deste organismo pola súa actuación en Chechenia, asestáballe un duro golpe ao grupo Most, dirixido polo “oligarca” Vladimir Gusinski. A intervención de axentes, da fiscalía xeral e dos servicios secretos (FSB), fortemente armados causou estupor en moitos medios. O motivo, as actividades ilegais do servicio de seguridade do grupo Most. A realidade, un pouco de vinganza e a posible desfeita financeira da banca Most en torno á que Gusinki ergueu un imperio mediático: a cadea privada NTV, o xornal Segodnia e a cadea de radio Eco de Moscova. Gusinki, un dos “oligarcas” que acudiu ao chamado de Berezovski para salvar a Ieltsin nas presidenciais de 1996, enfrontado posteriormente coa “Familia”, apoiou abertamente ao dúo Luxkov-Primakov nas pasadas lexislativas e nas presidenciais converteuse no principal opositor a Putin. Agora pásanlle factura.

Finalmente o pasado sábado Putin asinou un “ukase”, primeiro dunha posible reforma administrativa e territorial, que permitirá exercer un maior control dende o Kremlin das repúblicas e rexións. A Federación Rusa está composta por 89 suxeitos (21 repúblicas, 6 territorios, 49 rexións, 1 rexión autónoma e 10 distritos ) que agora serán agrupados en sete distritos federais cos seus respectivos centros, dotacións orzamentarias e representantes plenipotenciarios do presidente. Formalmente non se modifican a estructura constitucional pero vai nesa dirección. A medida, dirixida a reducir no futuro os poderes territoriais, conta co apoio do PCFR.

Carlos Méixome é membro do IGADI. Volver ó índice


Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional

ÚLTIMA REVISIÓN: 18/05/2000