Presencia-OpiniónVolver ó índice / Outros


A última perversión
Por Xulio Ríos (La Voz de Galicia, 21/06/2000)

A sucesión do dirixente sirio Hafez al-Assad, tanto no Partido, o Baas, de orientación socialista dende o seu V Congreso de 1971, como no Estado, resolveuse pola vía da aceptación unánime do seu fillo, Bashar. Con anterioridade, en Corea do Norte, Kim Jong Il sucedeu tamén a seu pai, o líder supremo Kim Il Sung, nun deses procesos de estiramento maquiavélico do chamado pensamento “zuche” baseado como é sabido na proclamación das bondades da autosuficiencia. ¿Veremos próximamente en Cuba a Raúl Castro como sucesor de Fidel?. Ogallá que non. Parece que o poder no socialismo deixou de ser unha cuestión de clase para transformarse nun asunto de “familia”.

Non se trata de cuestionar a cualificación ou a idoneidade de determinadas persoas -polo demais sempre a acreditar-, pero si de criticar abertamente esta perversión “monárquica” das repúblicas populares. Alén do parentesco, nin Kim Jong Il nin Bashar al-Assad poden exhibir outro valor de mérito nas súas respectivas aspiracións políticas. Sen entrar agora a valorar outras profundidades, Hafez al-Assad participou na revolución popular de 1963 e militou comprometidamente en favor do panarabismo e do socialismo; Kim Il Sung conduciu as guerras contra Xapón e a civil e administrou o país con man de ferro ata a súa morte en 1994. Curriculums de tanto esforzo e entrega remataron sen embargo miserablemente, coa exclusiva preocupación por garantir a perpetuación do seu poder. Triste final marcado por unha desconfianza enfermiza respecto á propia sociedade na que fundamentaban todo o seu poder.

Pouco queda para que se cumpran vinte anos da revolta de Solidarnosc, en Polonia. Daquela foi a clase obreira quen se rebelou contra a vangarda que históricamente debería redimila, situando a cuestión da lexitimidade no centro do debate político en todos os países do socialismo ir-real. En Damasco ou en Pyongyang, os respectivos partidos únicos administran esa lexitimidade sen opción ó libre debate de ideas, proxectos ou candidatos. A falta de novas achegas dos arquivos do KGB ou da Stasi, nin na antiga URSS nin en ningún país do Leste chegou a teorizarse nunca sobre a hipotética “herencia xenética” do poder no socialismo. Na China, os apetitos imperiais de Jiang Jing, a viúva de Mao, levaron a “Banda dos Catro” ata un xuizo sumarísimo. Que ninguén se engane, unha cousa é a reivindicación e defensa dos ideais de xustiza, liberdade e igualdade, sempre vixentes e aínda consustanciais ó ideario socialista, e outra a entronización destes ideócratas, auténticos sátrapas do poder. Coa revolución ben gardada nos armarios, estamos ante o modelo de socialismo zetec, unha perversión evolucionaria.


Xulio Ríos é director do IGADI (Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional). Volver ó índice


Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional

ÚLTIMA REVISIÓN: 20/06/2000