Presencia
/ Rusia
A seguridade de Putin
Por Carlos Méixome (Canal Mudo, 18/01/2000)
A estratexia de seguridade deseñada, e coñecida en parte a pasada semana, polo presidente en funcións e primeiro ministro Vladímir Putin supón un importante cambio a respecto da posición anterior. Fronte ao modelo de Ieltsin, explicado nun documento de decembro de 1997, que prevía o uso das armas nucleares como último recurso e só no caso en que a propia existencia do Estado estivese en perigo, no borrador de Putin contemplase a posibilidade de emprego deste tipo de armas no caso de agresión armada ou cando os outros medios para resolver as crises internas que ameacen a integridade territorial rusa se teñan esgotado ou resulten ineficaces. O documento será aprobado con toda probabilidade o próximo 23 de febreiro, Día do Defensor da Patria. Ademais de procurar un maior respecto internacional, a situación de Chechenia e a política de Putin tendente a recuperar a grandeza nacional rusa e buscar o apoio do Exercito semellan estar na base deste novo modelo de seguridade.
Os primeiros anos da Rusia de Ieltsin foron dunha pasmonearía interesada a respecto de occidente. Aceptouse a súa victoria mentres fose útil para manterse no poder. Mais o prooccidentalismo comezou a decaer tras a quebra financeira de agosto de 1998. Durante os meses nos que Primakov ocupou a xefatura do goberno a presión occidental sobre o que en terminoloxía soviética se denominaba “estranxeiro próximo” non deixou de ir en aumento. O 13 de marzo de 1999 a OTAN ampliase coa integración de Polonia, Hungría e a República Checa. O 25 do mesmo mes a OTAN bombardeaba Iugoslavia. O descontento nos ámbitos políticos moscovitas era evidente e os xefes do exercito comezaban a dar mostras dun excesivo protagonismo e a expresar abertamente opinións políticas sobre o papel de Rusia, a prepotencia occidental e a “liña vermella” que non se podería atravesar: a integración na OTAN das repúblicas ex soviéticas, en clara referencia ás bálticas.
Tras a destitución de Primakov, Berezovski recuperaba o seu papel entre bambolinas e ía elaborando unha nova táctica consistente en deter as relacións con occidente, recuperar as ansias imperiais rusas, fomentar o antisemitismo e a xenofobia contra os caucásicos, e gañarse o favor dos xenerais. O círculo do Kremlin púxose mans á obra e logrou aglutinar en torno a súa política “illacionista” a amplos sectores das elites dirixentes rusas. Non o tiña tampouco complicado, só bastaba con inculpar a occidente no desastre económico, manifestarse ofendido pola humillación no Kosovo, recuperar a linguaxe imperial da Gran Rusia e permitirlle aos xenerais lavar a afronta chechena ao tempo que se creaba a causa nacional-imperial que permitise unha aparente recuperación moral e silenciase á oposición.
Dende a toma de posesión como xefe do goberno Putin amosouse partidario deste modelo. Inmediatamente sucédense estraños acontecementos (acción dos wahabíes de Basáiev no Daguestán e os atentados de Moscova). Segundo ascendía a imaxe de dureza imperial de Putin descendían as posibilidades electorais do dúo Luxkov-Primakov, mentres, os xenerais deseñaban, segundo o modelo da OTAN, o ataque a Chechenia. Ao tempo colocábase un novo piar desta estratexia “eslavista” co tratado sobre a confederación a cinco anos vista, en gran parte secreto, entre Bielorrusia e a Federación Rusa, completado coa visita de Ieltsin a Pequín para recibir o apoio chinés na guerra do Cáucaso.
O éxito electoral nas lexislativas consolidou a táctica de “chauvinismo gran ruso” que debería levar a Putin tranquilamente á presidencia. No camiño atopase a pedra chechena e Putin semella disposto a apartala antes de marzo sen reparar nas formas.
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
ÚLTIMA REVISIÓN: 22/01/2000