PresenciaVolver ó índice / Balcáns


A peza que faltaba
Por Xulio Ríos (artigo publicado en Vieiros o 11/3/98 e no diario Faro de Vigo)

Ninguén que siga minimamente o transitar da detonación balcánica pode sorprenderse a estas alturas da irrupción violenta da revolta no Kosovo. Nunca dormido se non en efervescencia subterránea,  sempre á espera dunha ocasión que non parecía chegar, fartos de ver ós pacificadores de Bosnia e da antiga Iugoslavia pasar de puntillas sobre tan xustas reivindicacións  (liberdades públicas, restauración do autogoberno, etc), a estes albaneses acabouselles a paciencia. Agora pasou o que tiña que pasar e todas as miradas apuntan a Milosevic, o Sadam de Occidente que algúns dirán. Pero do que está a acontecer hai máis responsables, todos aqueles que desatenderon reiteradamente as múltiples voces que reclamaban da diplomacia europea e internacional a adopción de medidas preventivas que evitaran a tan temida explosión de violencia. Pero esa Europa democrática que conta as horas para estrenar o maldito euro, prefiriu sempre dialogar co ultranacionalista Milosevic, agresor e autoritario e facer oidos xordos ás esperanzas dos oprimidos nacionalistas albaneses partidarios da resistencia pacífica. Europa di que ten medo dos nacionalismos e para curarse en saúde mete a todos no mesmo saco nunha operación de confusión calculada, terreo aboado para as violencias de todo signo.

En 1989, un millón longo de albaneses disfrutaban dun nivel de autonomía que os equiparaba a un Estado de feito dentro da Federación Iugoslava, practicamente similar ó das Repúblicas. Milosevic suprimiu ese autogoberno en 1990 e ó ano seguinte decretaba o estado de excepción. Dende entón, no Kosovo non se respectan os dereitos máis elementais.

Kosovo é o talón de aquiles dos Balcáns e de Serbia principalmente. A súa potencia desestabilizadora é de tal calibre que, de consolidarse a crise actual, será moi dificil impedir que o conflicto se extenda coma un regueiro de pólvora por toda a zona. Macedonia veriase inevitablemente arrastrada. Os seus 400.000 albaneses tamén están duramente reprimidos polo goberno de Skopje. Bulgaria non desaproveitaría a ocasión para satisfacer vellos apetitos expansionistas, seguidos polos veciños gregos. Albania, pese ó seu deterioro interno, non podería quedar impasible. Se non se controla a crise en Kosovo, os días de Macedonia están contados.

O problema do Kosovo non é, como afirma Milosevic, Presidente da nova Iugoslavia, un problema de orde pública que deba reprimirse a base de tanques e artillería pesada. Se Europa non actúa con rapidez e contundencia, a súa unión económica e monetaria será bendicida por un enfrontamento civil de enormes consecuencias. E actuar quer dicir non soamente presionar a Milosevic ou designar un mediador para que alguén personalice outro enquistamento máis, senón dar voz política ós albaneses, habilitar políticas para aillar do conflicto ós países veciños, contemplar, en fin, infraestructuras preventivas institucionais para unha zona que debe ser observada como conxunto, e que vaian máis alá do cese das hostilidades: cómpre poñer os medios para evitar que en pleno corazón de Europa sobrevivan persoas en condicións infrahumanas. Porque a pouco que indaguemos, poderase comprobar como a principal causa deste novo labirinto non é outra que a espiral de miseria e pobreza que permite medrar a líderes políticos irresponsables sobre as vidas de tantos iñocentes.

Xulio Ríos é director do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI) e coautor de "O conflicto dos Balcáns" (Ir Indo edicións).Volver ó índice


Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional

ÚLTIMA REVISIÓN: 7/9/98