Presencia-OpiniónVolver ó índice / Europa


A mecha polaca
Por Xulio Ríos (Canal Mundo, 14/08/2000)

¿Imaxinanse curas e monxas saíndo en manifestación dos conventos clamando a inexistencia de Deus? Algo asi aconteceu en Polonia hai agora vinte anos cando tal día coma hoxe os obreiros dos asteleiros Lenin de Gdansk decidían ir á folga e saír en procesión para reclamar pluralismo sindical e outras liberdades civís e políticas.

Lech Walesa levaba catro anos sen pisar o asteleiro, pero xunto a outros activistas da empresa e da rexión, aproveitando o descontento existente polo incremento dos prezos da carne –un producto amplamente popular en Polonia ata o punto de o seu consumo ser dos máis elevados do mundo– artellaron unha primeira folga en demanda de subas salariais e a readmisión dunha traballadora despedida. Desde Varsovia decidiuse aillar a Gdansk do resto do mundo cortando as comunicacións. Pero a empresa negociou e cedeu. O éxito correu como a pólvora por toda a rexión báltica e numerosas fábricas sumaronse ao movemento, coordinando as súas taboas reivindicativas e os seus represantes a través dun Comité Interempresarial de Folga. En cousa dunha semana, de sorpresa en sorpresa, o gobernante Partido Obreiro Unificado Polaco enfrontaba un desafío imprevisible e moi superior ó de anteriores crises (1956, 1968, 1970, 1976). Logo viría a CIA, o Vaticano e todo o que poidamos imaxinar, pero as raíces daquel agosto crecían no propio país. Solidarnosc naceu polaco.

Acurralado contra as cordas, o goberno cedeu a todas as reivindicacións. Unicamente, por aquelo do que dirán, pelexou porque se recollera nos “21 puntos de Gdansk” o respecto pola dirección política do Partido. Nas demais capitais dos países do Tratado de Varsovia acusaban ós dirixentes polacos de claudicar. Na práctica, admisión do pluralismo viña a rachar cun dos elementos esenciais do socialismo real, o monopolio partidario –e da verdade–, e a admisión ou imposición da alternancia soamente era cousa de tempo. Mes a mes, houbo mil e un intentos de “normalizar” unha situación que resultou imposible. A oposición, nucleada arredor de Solidarnosc, esixía o cumprimento dos acordos e o Goberno trataba de diluilos para evitar unha aplicación que podía ter serias consecuencias internacionais. 0 13 de decembro de 1981 remataría esta experiencia co golpe de estado do xeneral Jaruzelski.

Uns anos máis tarde comezaría a perestroika e o propio Gorbachov recoñecería que os acontecementos daquel verán polaco influiron de xeito decisivo na súa formulación da necesidade de reformar o socialismo –non destruílo– incorporando máis democracia e pluralidade ó sistema. Mentres, os líderes de Solidarnosc conseguirían gañar e poder o poder, ao igual que os herdeiros do POUP. E Walesa, como Gorbachov, pasaría a ocupar unha posición marxinal no escenario político. Pero aquel 14 de agosto de 1980, o muro de Berlín experimentaba unha severa fendedura.


Xulio Ríos é director do IGADI (Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional).Volver ó índice


Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional

ÚLTIMA REVISIÓN: 14/08/2000