Presencia-OpiniónVolver ó índice / Iberoamérica


A “Intifada” boliviana
Por Lino Pellitero (Canal Mundo, 03/10/2000)

Nas últimas dúas semanas o foco da actualidade informativa de América Latina iluminaba sobre o Perú. Moi preto, Bolivia permanecía na máis absoluta sombra, mentres contaba e choraba a decena de mortos que consecutivamente foron caendo pola contundente actuación das forzas de seguridade. Cocaleros, mestres e labregos bloqueaban vías de comunicación en demanda de diversas reivindicacións que teñen derivado en violentos e sanguentos conflictos.

O líder indíxena Felipe Quispe, “O Mallku”, entrou coa mirada perdida na reunión do domingo na que estaban presentes o ministro da Presidencia Walter Guiteras, o de traballo Luís Vázquez, o de desenvolvemento económico José Luís Lupo, e o de agricultura Osvaldo Antezana. Os seus ollos translucían a indignación que as súas palabras non podían disimular. Antes de abandonar a sala de negociacións manifestou: “Quero preguntarlle aos señores ministros ¿que crime temos cometido?, ¿Que delito temos feito para sermos masacrados?.. agora temos viúvas e fillos orfos. ¡Asasinos! ¿Por que matan aos meus irmáns aimaras e quechuas. ¿Estabamos armados nos?

O último episodio desta permanente vaga de protestas sociais en demanda dunha mínima dignidade para poder subsistir ou dunha raiola de esperanza no futuro, rematou o sábado cun novo morto a 20 Km da cidade de Cochabamba. Centos de labregos tiñan tomado a ponte sobre o río Cora, de estratéxica importancia para as comunicacións con La Paz e con Oruro. Os seus paos, tirapedras pouco puideron facer diante dos 1500 uniformados que, fortemente equipados, desaloxaron nunha pugna de desigual violencia aos labrego, non sen consecutivas ofensivas e contraofensivas nas que finalmente os militares empregaron armas de fogo e deron morte a un mozo de 25 anos, que facía o número de víctima 10. En só 15 días tamén se rexistraron outros 127 feridos.

Dende o axitado abril, Hugo Banzer non voltara a caer na tentación de empregar a cega forza do exército para esmagar as protestas sociais e tentar manter inflexiblemente as determinacións gobernamentais. De novo ten que recuar, voltar ao repudiado diálogo e outra volta ten que negociar cos insurrectos. O difícil papel mediador correspóndelle, arestora, a tres respectables membros de prestixiosas institucións: A Valedora do Pobo, Ana Mª Romero de Campero; o representante da organización El Alto en defensa dos dereitos Humanos Marcelo Viruez e ao representante da igrexa Monseñor Jesús Juárez.

As conciliadoras e esperanzadoras palabras de Monseñor Juárez pronto se viron atravesadas polos tensos reproches do “Mallku”. “Non vou baixar os pantalóns nin axeonllarme diante de vostedes...se queren matarme coma a Tupac Katari, fágano cos seus helicópteros, cos seus carros de combate...”. Erguéndose da mesa, deu por rachadas as conversas, preso pola rabia de ver como a matanza se cebou de novo nos mesmos aos que sistematicamente golpea a pobreza.

Non obstante, se cesa a contundencia policial e repousan os ánimos, existen datos para un moderado optimismo.

O goberno móstrase agora disposto a ceder á pretensión dos labregos de anular a polémica Lei de augas e ofrece proxectos de desenvolvemento e investimento na zona do altiplano paceño, anque non se manifestou sobre as demandas de indemnización ás familias das víctimas.

Cos cocaleros está ceder, desistindo de construír os tres cuarteis proxectados para o Chaparé. Tamén está disposto a dotar de auga á Vila de Tunari a crear complexos industriais na zona, a estudiar a creación dunha universidade na rexión cocalera, pero non acepta que cada labrego poida cultivar un “cato” de folla de coca, é dicir, un tercio de hectárea. Os compromisos cos EEUU non deixar marxe para manobrar.

Mais preto do acordo están as negociación cos mestres. Se imparten 200 días lectivos anuais, poden recibir un bono de 300 bolivianos por ano, uns 50 dólares, nos próximos catros anos previa avaliación profesional.

Quizais os conflictos do momento estean en vías de solución, pero pronto aboiarán outros novos. Dende o proceso de liberalización acelerado encetado en 1985, a miseria atrapa a tal volume de bolivianos que non é aventurado prognosticar que novos conflictos tomaran o relevo.


Enlaces relacionados:

Dereitos Humanos
Goberno Boliviano
Artigo Bolivia

Lino Pellitero é membro do IGADI.Volver ó índice


Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 07/10/2000