PresenciaVolver ó índice / Balcáns


A guerra da OTAN
Por Carlos Méixome (artigo publicado en Río, revista cultural miñota nº 4-especial verán 1999)

Despois de máis de setenta días de bombardeos, quizais os enfrontamentos armados poidan chegar ao seu fin. Non porque se teña acadado a un acordo político, nin por que un dos bandos se considere definitivamente derrotado, senón por que os contendentes coinciden en evitar un enfrontamento terrestre. A OTAN por que entón a guerra virtual converteríase nunha con mortos reais. O goberno de Belgrado por que sabe que non a resistiría e que a proximidade do verán dálle argumentos aos partidarios do ataque por terra. Os dous teñen algo gañado, Milosevic demostrou que non se engurra ante as ameazas e conta co apoio do irreductible pobo serbio capaz de desafiar aos máis grandes imperios. A OTAN pode presentar a cesión do goberno iugoslavo como un éxito dos bombardeos e quitarse do medio a espiñenta cuestión de modificar unha fronteira.

Repasemos o que pasou. Tense dito en moitas ocasións que a guerra comezou no Kosovo e rematará alí. E así foi, polo de agora. Cando en 1989 o goberno federal iugoslavo aboliu a autonomía kosovar (disolución do Parlamento, prohibición do ensino en albanés, despido dos kosovares que traballaban na administración e nas empresas estatais, instauración da lei marcial…) podíase prever que a guerra aberta estaba perto. Primeiro a tensión en Eslovenia, logo a guerra en Croacia, despois o desastre de Bosnia, finalmente o retorno ao inicio. A difícil solución á vella e complexa cuestión dos Balcáns necesitaba de intervencións internacionais claras e decididas, de capacidade de negociación e de paciencia.

As negociacións de Rambuillet perseguían a restauración dunha autonomía substancial para o Kosovo e o respecto ás liberdades (políticas, culturais, lingüísticas e relixiosas). Nestes obxectivos centrais o acordo estaba próximo. ¿Cal foi a razón fundamental do fracaso de Rambuillet?, sen dúbida, o empeño dos EEUU e da submisa Unión Europea en impor a presencia de forzas da OTAN para vixiar a aplicación dos acordos, cando sabían que esto non ía ser aceptado por Belgrado. ¿Por qué non unha forza de interposición exclusivamente europea ou dos “cascos azuis” de Nacións Unidas?. ¿Polo desengano bosníaco?. O erro en Bosnia foi o acordo de Dayton que supuxo a aceptación da partición e das conquistas militares, amais de converter a Milosevic, Tudxman e Itzebegovic en garantes da paz, non o labor de interposición dos cascos azuis. ¿Qué non había tempo?. A conferencia podíase ter prolongado mentres a presencia dos observadores da OSCE limitaban, en parte, a represión sobre os kosovares. ¿Por razóns “humanitarias”?. Estas son sempre loables, mais semella evidente que as mesma razóns morais poderían aplicarse no caso dos curdos, grecochipriotas ou palestinos, para non afastarnos moito da área de conflicto.

O inicio dos bombardeos facilitou as terribles represalias das autoridades de Belgrado, a destrucción económica de Iugoslavia e centos de víctimas de “erros” case diarios. E tamén tivo outras consecuencias: o desprezo de Nacións Unidas, saltándose ao Consello de Seguridade e convertendo ao Secretario Xeral nunha figura irrelevante; a desaparición da oposición serbia que tivo que limitar as críticas a Milosevic para opoñerse a un inxusto castigo colectivo; a humillación de Rusia, cun protagonismo histórico na área e, unha vez máis, ferida no seu orgullo de gran potencia; e a desconfianza de China.

Resultados ben desalentadores para a primeira guerra da OTAN.

Cando van alá dez anos da caída do muro de Berlín e oito da desaparición da URSS, este episodio bélico semella máis unha nova volta de rosca para consolidar un mundo unipolar, en substitución da bipolaridade nacida en 1945, que a única solución que quedaba para o permanente conflicto balcánico. A OTAN, carente de sentido dende a desaparición do Pacto de Varsovia, atopa agora unha nova razón de ser, garantir unha orde internacional cun único centro de poder político e militar que non está disposto a ceder, nin no máis mínimo, o control dunha economía globalizada nin a renunciar á protección secular dunha Europa incapaz de resolver os seus problemas.

Carlos Méixome e membro do IGADI e coautor de O conflicto dos Balcáns. Ir Indo, 1994.Volver ó índice


Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional

ÚLTIMA REVISIÓN: 27/6/99