PresenciaVolver ó índice / Balcáns


A desorientación da OTAN
Por Carlos Méixome (Canal Mundo, 25/05/1999)

Cando van alá sesenta días de bombardeos, a fin da guerra non semella máis preto. Tampouco se pode apreciar con claridade de que xeito se pode producir. Que non saben que facer é o único que se desprende das declaracións dos xefes políticos da OTAN. Mentres, a poboación civil iugoslava está a sufrir as consecuencias dos ataques aéreos intensificados nos últimos días.

A indefinición e desorientación que caracterizou ao mando político da OTAN nos meses anteriores e durante as reunións de Rambuillet, mantívose ao longo dos dous meses de ataques e segue a estar presente na actualidade, cando as iniciativas diplomáticas semellan estancadas e presentase como urxente un xiro na estratexia militar.

Occidente non sabía, e segue sen sabelo, que quería facer coa cuestión iugoslava, agora descoñece como por fin a unha guerra cada vez máis impopular. Tiñan un obxectivo, estabilizar os Balcáns, logo de dez anos de tensións e guerras, máis, ¿como facelo sen contar con Serbia e sen querer unha Kosova independente?. Probouse co castigo. Tratábase de azoutar durante uns días ao réxime serbio para obrigalo a representar de novo o papel de Dayton e restaurar unha certa autonomía na provincia kosovar.

¿Máis neste esquema que beneficio obtiña Belgrado?. Só unha humillación. O réxime serbio optou por resistir, non responder aos ataques, protexer no posible os recursos militares e resolver o problema demográfico de Kosova. A aviación iugoslava non saíu en defensa da poboación nin do territorio agredido, os antiaéreos non fixeron fogo. A guerra converteuse nun parte de edificios destruídos, pontes derrubadas e civís mortos. ¿Onde están os militares mortos dos dous bandos?. Agora nas guerras non morren os militares, só civís.

Polas rúas de Belgrado contase unha macabra broma, seica o “inocente” Rugova trataba de convencer a Milosevic de que lle recoñecese a Kosova o mesmo status de Montenegro dentro da R.F. Iugoslava. Empregaba Rugova o razoamento numérico: os montenegrinos son a penas seiscentos mil e nos somos case dous millóns. Pois precisamente por iso -seica lle respondeu Milosevic-, cando vostedes sexan seiscentos mil devolverémoslle a autonomía.

Este obxectivo, Belgrado estao a punto de lograr. ¿Qué kosovar vai querer volver a unha Kosova, integrada na Iugoslavia hexemonixada por Serbia?. Belgrado ten resolto o problema demográfico de Kosova e creoulle outro a occidente ¿qué facer cos kosovares?. Macedonia non os quere, máis ben expulsaría gostosamente ao trinta por cen da súa poboación de orixe albanesa. Albania non podería acollelos, por inexistencia de estado e por incapacidade económica. Italia trema só de pensar en centos de refuxiados dirixidos cara as súas costas. EE UU podería establecer un protectorado militar en Albania pero dificilmente ía conseguir inversións privadas na zona. A Unión Europea pode acoller a uns cuantos nestes momentos de solidariedade mediática.

¿Por ónde continuar?. A desorientación presentase de novo. Italia e Grecia buscan unha saída rápida ao conflicto que necesariamente pasaría por un entendemento con Milosevic como defende Rusia. Francia escondese tras a indiferencia. Alemaña ten problemas internos (abandono de Lafontaine e división entre os Verdes). O bloque duro da OTAN (EE UU e Reino Unido) teñen tamén diverxencias.

Albraigth e Cook teñen discrepado publicamente. O ministro de Exteriores británico esixía o despegue de forzas terrestres para ameazar a Milosevic mentres a Secretaria de Estado americana respondíalle que xa había 12.000 soldados en Macedonia e que si se mandaban máis tropas tería que ser para invadir non para ameazar. Unha invasión dende Albania e Macedonia podería ser moi custosa en vidas e Hungría segue a negarse a que a invasión se produza polo máis favorable terreo da Voivodina que permitiría un acceso rápido a Belgrado.

Seica Clinton, o día anterior aos ataques, chamou a Albraigth e preguntoulle se estarían facendo o correcto; a Secretaría de Estado despexoulle todas as dúbidas. ¡Onde nos meteron!.

Carlos Méixome e membro do IGADI e coautor de O conflicto dos Balcáns. Ir Indo, 1994.Volver ó índice


Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional

ÚLTIMA REVISIÓN: 05/01/2000