Acción exterior Volver a TitularesVolver a Acción exterior
Un pacto exterior
Xulio Ríos (ECO, 02/2012)

Versión para imprimir

 

A proposta do ministro García-Margallo para que as autonomías utilicen as embaixadas e non dupliquen gastos non é un disparate, pero é incompleta. Para descartar a idea dunha estratexia encuberta de recentralización coa escusa da crise, en realidade, o actual ministro de asuntos exteriores e cooperación debería valerse das dificultades económicas para promover unha auténtica refundación do servizo exterior do Estado español, en moitos aspectos ancorado no pasado, sen renunciar ás achegas e valores que nestes anos achegou a acción exterior subestatal, superficialmente desautorizada en tantas ocasións como habitualmente son ignorados os desacertos da acción diplomática do propio Estado.

A ninguén escandalizan as propostas de racionalización política e burocrática. Outra cousa é que se formulen de forma reducionista e sen altura de miras. Á “solución” física que achega García-Margallo cabería sumar propostas políticas de maior alcance que contemplen unha interiorización do feito autonómico na política exterior española. Non se trata de fragmentar a imaxe e presenza de España no exterior senón de visibilizar e optimizar a súa pluralidade, en parte incorporando activos, persoal, discurso e orientación que permita á política exterior gañar en coherencia, representatividade e bagaxe democrática.

Hai tempo que a política exterior deixou de ser un balneario apropiado para recreo da aristocracia (de linaxe ou de oposición) para se converter nunha ferramenta máis ao servizo do progreso e do benestar dos cidadáns, con posibilidades de adaptación na súa dimensión interna e exterior. Acusar ás comunidades autónomas de desbalde neste asunto é unha temeridade. En Santa Cruz poderían ter que se arrepentir a pouco que afondaramos no seu actuar, non sempre caracterizado por un hipotético rigor. O mais sensato é alentar un pacto que poña orde e consenso nesta materia, que optimice as posibilidades subestatais, que incorpore as demandas das autonomías á política exterior do Estado e que abra vías de renovación dun servizo diplomático, en boa medida anquilosado, coa participación das comunidades autónomas.

O que se precisa non é só un axuste inmobiliario senón outro modelo. Se hai pactos autonómicos en mil e unha materias, por qué non pode habelo tamén en materia de proxección exterior? Esta é hoxe unha política pública esencial que carece en moitos aspectos dunha adaptación aos novos tempos externos e internos. Un modelo integrador pode descartar de forma efectiva calquera afán de deslealdade. A fin de contas, se temos o que temos non é por unha ambición desnortada dos líderes autonómicos, senón porque o servizo exterior do Estado tamén presenta serios déficits de atención.

 
 

Xulio Ríos,
director do Igadi e asesor de Casa Asia.

Clic para aumentar
 
Volver a TitularesVolver a Acción exterior



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 04/01/2012


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta