Igadi na Rede / Presenza-Opinión - Tartus
 
 
Tartus
Xulio Ríos (Praza Pública, 15/02/2012)
 
 

Como en tempos pasados, Moscova exhibiu nas últimas semanas a controvertida autonomía da súa diplomacia. Vetou na ONU, con China, a resolución contra a Siria de Bashar al-Ashad e mandou a Damasco ao ministro de exteriores Lavrov co propósito de persuadilo para que presentara a dimisión e traspasara o poder ao vicepresidente Farouk al-Saharaa. Certo ou non o cometido desta misión, que recolle parcialmente o plan de arranxo proposto pola Liga Árabe, soa a ultimato e expresión dun derradeiro apoio condicionado de Moscova, se ben todo puidera ser unha posta en escena sen maior transcendencia. Lavrov concluíu a súa visita con alusións ao borrador dunha nova Constitución que nas actuais coordenadas dificilmente calmará o conflito. Nada mais saír de Damasco o diplomático ruso, as tropas sirias reiniciaban o asedio a Homs, multiplicándose as vítimas entre a poboación civil, a que máis sofre esta longa espiral de tensión e probablemente tamén quen máis padecería caso de darse unha intervención militar exterior seguindo o patrón libio.

Rusia ten en Damasco o seu mais fiel aliado en Oriente Próximo xa dende o período soviético. Dispón dunha incidencia sen igual en Ashad por ser o maior provedor de armamento de Siria, que adquiriu un 7 por cento do total dos 7,8 mil millóns de dólares de ventas de armas rusas no exterior en 2010, unha migalla se o comparamos só cos 30.000 millóns da última operación pechada en 2011 polo Pentágono con Riad, tamén destacadísimo defensor dos dereitos humanos na rexión e no mundo. Cabe apuntar que Obama non só liberalizou a venda de armamento senón que case cuadriplicou as cifras do negocio. Todo sexa polo emprego.

Pero a razón última deste apoio ruso tan difícil de fender é inseparable da dispoñibilidade dunha base naval na costa siria que lle garante unha presenza moi importante no Mediterráneo. A base de Tartus devén tamén da era soviética, froito dun acordo celebrado en 1971 e aínda hoxe está atendida por persoal da Armada rusa. Putin, á vista do deterioro das relacións do Kremlin con Occidente por mor da guerra de 2008 en Xeorxia e os plans de Washington para situar o escudo antimísiles ás portas de Moscova, pactou co presidente Ashad a conversión do porto nunha base permanente en Oriente Medio, con opción a acoller armas nucleares de Rusia. Desde 2009, Moscova acometeu a renovación da base naval de Tartus e o dragado do porto para permitir o acceso dos seus maiores buques de guerra. Esa base de apoio loxístico naval en Siria é agora parte da Flota do Mar Negro.

Co novo século, Rusia promoveu un novo enfoque no desenvolvemento das relacións cos países árabes, pasando a primeiro plano as consideracións de tipo económico. A cooperación con Arabia Saudita e outras monarquías do Golfo Pérsico como tamén cos países norteafricanos medrou en significación ata superar a relación comercial con Siria que en 2009 non superaba os mil millóns de dólares de intercambio. Non obstante, isto non afectou ao esencial.

É pouco probable que Bashar el-Ashad logre manterse no poder. Se a oposición interna persiste, cousa segura ao contaren co destemido e igualmente interesado apoio dos países occidentais, o aval de Rusia, China e Irán pode servir de ben pouco. As armas fabricadas en EEUU e Francia substituirán ás rusas, como xa aconteceu en Exipto hai corenta anos, e algunha potencia occidental farase cargo de Tartus. A derradeira esperanza para Rusia é abrir paso a un acordo interno, practicamente imposible de acadar mentres Ashad continúe en Damasco.

 

Xulio Ríos, director do Igadi.

 
 
 
14/02/2012 (c) Igadi, Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional, www.igadi.org
http://www.igadi.org/artigos/2012/xr_tartus.htm