Acción exterior Volver a TitularesVolver a Acción exterior
Unha eurorrexión no mundo
Xulio Ríos (Xornal de Galicia, 21/04/2011)

Versión para imprimir

 

Diciámolo hai xa máis de dez anos nunha reflexión conxunta entre o IGADI e a Universidade Fernando Pessoa: o futuro da eurorrexión pasa pola súa internacionalización.

A Comunidade de Traballo, na súa existencia e funcionamento, obrou e obra no marco do financiamento comunitario. Non obstante, hoxendía debera transcender a ese feito para afirmarse igualmente como un espazo de influencia para superar a condición periférica, incidindo non soamente no eido comunitario, senón preparándose para constituírmos alianzas que vaian máis aló, institucionalizando unha plataforma territorial que mire cara a superación das nosas mutuas carencias internas, onde certamente quedan aínda cousas importantes por facer (no plano das comunicacións, pero igualmente no da cidadanía), e tamén cara a proxección internacional, tirando proveito desas vantaxes que nos permiten ofertar dous países nun mesmo envoltorio.

É esta unha plataforma que tanto pode operar no eido universitario como no empresarial ou no urbano (Eixo Atlántico), sempre e cando sexamos quen de sumar as respectivas potencialidades e reconsiderar apostas propias que sitúen a acción exterior no ámbito das apostas estratéxicas nun momento en que o futuro da nosa comunidade e da nosa eurorrexión debe mirar máis aló do Interreg.

Esta perspectiva abriría un segundo tempo na construción da eurorrexión ofrecendo oportunidades explícitas para encarar unha crise que podería empeorar se non somos quen de idear outros rumbos e políticas. No novo contexto e ante as hipóteses de máis dificultades futuras, contentarse con administrar as inercias do pasado ou zugar dos cerebros para idear renovadas fórmulas de captación de recursos da UE, semella claramente insuficiente para que a nosa sociedade asuma como tal os retos que ten por diante.

A un lado e outro da raia procedería unha fonda reflexión sobre as alianzas xerais e sectoriais a dinamizar nos espazos americano e africano, primordialmente, dispoñendo os medios para situar a eurorrexión no mundo, aproveitando as proxeccións que Galicia ten a outro do lado do Atlántico e as que Portugal lidera na África lusófona. O noso futuro común pasa por aí fóra. Exploremos e mobilicemos as sinerxías que o fagan posible.

 
 

Xulio Ríos,
director do IGADI

Clic para aumentar
 
Volver a TitularesVolver a Acción exterior



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 20/04/2011


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta