Acción exterior Volver a TitularesVolver a Acción exterior
Retintín
Xulio Ríos (Xornal de Galicia, 16/06/2011)

Versión para imprimir

 

A Galicia autodestrutiva agroma de moi diversas formas. Mesmo antes de que algo comece a dar algún froito empeñámonos en podalo sen remisión. Digo isto porque non é que me cause sorpresa o retintín con que algúns abordan a visita dunha delegación parlamentaria a China, senón porque, una vez máis, revela a necidade reinante no noso país e a falta de formación no internacional dos nosos profesionais.

Cómpre saber que esa viaxe enmarcase nun proxecto. O goberno chinés non dubida en enviar a Galicia, una rexión “remota” de España (Mongolia Interior está a menos distancia de Pequín do que Galicia de Madrid), unha ampla comitiva académica co propósito de coñecer mellor o funcionamento da autonomía con vistas a elaborar os seus propios estatutos. Para nós, iso que debía ser unha vantaxe comparativa na relación bilateral e no contexto español, é un desatino e unha perda de tempo. Destas cousas algúns deben saber moito. De China, probablemente, algo menos.

España ven outorgando a China un papel esencial para dinamizar as súas relacións económicas exteriores, a sabendas de que o xigante asiático é un referente clave en moitos aspectos pola súa dimensión e perspectivas, a pesar dos riscos, que os hai. Pequín non desempeña un papel menor no sostemento da economía española. Galicia está no furgón de cola das comunidades autónomas, tamén neste aspecto. Para avanzar posicións hai que remangarse, conscientes de que iso vai requirir esforzo e perseveranza. E dotarse dunha estratexia: que se unha provincia tal é demasiado grande ou ten demasiada poboación en comparanza co que nós somos a eses niveis, son magnitudes aplicables á práctica totalidade de países do mundo á vista das dimensións do xigante asiático. Por outra banda, en China, a política, por simples razóns culturais que se remontan ao mandarinato e con pouco que ver co maoísmo, é un factor clave para impulsar as relacións comerciais. É a chave que abre moitas outras portas. Por iso os portugueses chamáronlle “mandaríns” aos funcionarios, porque mandaban en todo. E é por iso que van alá presidentes incluso de comunidades autónomas españolas como a catalá (Pujol, a primeira vez, en 1989 e aínda ningún presidente galego), e ata alcaldes preocupados por concretar oportunidades de negocio. Cataluña vai na proa neste asunto e por algo é.

China é un país en evolución. Non se pode ver en termos de branco e negro. Sábeno ben os que o coñecen de preto. Non se inflúe nel, se iso queremos, erguendo valados de soberbia carentes de autocrítica senón a través do impulso das relacións, o diálogo e o valor do exemplo, do que andamos algo escasos ultimamente. Corrixir o rumbo dun xigante, de ser posible desde fóra, require armarse de argumentos e tender moitas pontes para influír na sociedade e no poder.

Se non comprendemos que, guste ou non, estamos no mundo e que cómpre promover de forma moi activa dinámicas de internacionalización a todos os niveis da nosa sociedade, estamos verdadeiramente cegos. A día de hoxe, pensar que fixar a atención en China, un país que en cinco anos pasou da quinta á segunda posición na economía mundial, é un desbalde, é realmente insólito. Se tomaramos un pouquiño de altura e distancia, decatariámonos de que estas cousas só pasan aquí.

 
 

Xulio Ríos,
director do IGADI e autor de nove libros sobre China

Clic para aumentar
 
Volver a TitularesVolver a Acción exterior



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 16/06/2011


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta