Acción exterior Volver a TitularesVolver a Acción exterior
Municipios no Mundo
Xulio Ríos (ECO, 02/2011)

Versión para imprimir

 

A contraposición tradicional entre o local e o global hai tempo que xa é historia. Non obstante, en Galicia, segue sendo moeda común o desentendemento do poder municipal respecto da acción exterior, reducida a accións conxunturais e carentes da mínima estratexia. Unha simple ollada comparativa á realidade institucional no eido municipalista en Galicia e en Portugal delata o noso atraso. A inexistencia de gabinetes de relacións internacionais e de políticas activas que encaren a proxección europea, a presenza na diáspora, os irmandamentos, o turismo, a participación en redes internacionais, a cooperación ao desenvolvemento, etcétera, delatan factores que se materializan en pouco máis que anécdotas sen que poidamos advertir, pese ás décadas transcorridas de poder local democrático, salto significativo algún.

Os gobernos locais do século XXI, comprometidos a fondo coa revalorización do propio espazo, deben articular un discurso que dilúa esa arcaica fronteira e facilite as interrelacións entre ambos mundos, de xeito que no plano institucional poida tirar proveito da inserción nas redes que viabilizan os intereses locais, intercambiar e aprender experiencias, e xerar unha nova cultura cívica.

O poder local é un suxeito internacional máis e coas súas especificidades ten un espazo a construír e desenvolver na sociedade global que é, cada día máis, unha sociedade-rede na que as fórmulas de goberno tradicional van sendo superadas. Compre un reaxuste nunha dirección diferente á que veu primando ata hoxe, condicionada por fomentar a proximidade coa cidadanía, valor básico en calquera sociedade democrática e atributo-forza elemental do poder local e por iso mesmo irrenunciable. Pero debe tomarse nota de que a idea clásica do control absoluto das relacións internacionais por parte dos estados foi finiquitada e que as corporacións locais teñen intereses e funcións a desenvolver no eido internacional. Velaí unha das novas dimensións do goberno local que contribúe a impulsar a súa relevancia.

A acción exterior debe figurar na axenda dos partidos que concorren aos comicios locais integrando a importancia desta política pública para enriquecer o proceso de desenvolvemento local a partir da dinamización das súas habilidades para relacionarse cos demais e identificar intereses comúns alén da estrita demarcación territorial que referencia o marco das súas competencias.

A internacionalización das cidades e a paradiplomacia local son conceptos que deberiamos incorporar extensamente ao vocabulario estratéxico e á nosa planificación para acadar un bo posicionamento global. Existen ferramentas avanzadas que poden facer accesible o que hoxe parece estar lonxe do noso alcance, mais por indisposición mental que por accesibilidade natural.

 
 

Xulio Ríos,
director do Igadi e asesor de Casa Asia.

Clic para aumentar
 
Volver a TitularesVolver a Acción exterior



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 16/01/2011


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta