Acción exterior Volver a TitularesVolver a Acción exterior
Golpes de calor
Xulio Ríos (Xornal de Galicia, 03/08/2011)

Versión para imprimir

 

Nese discurso que na calor da crise abunda na idea de aliviar administración e descualificar a acción das comunidades autónomas en numerosos campos, acostuma a colarse a referencia ás “miniembaixadas repartidas por todo o mundo” que veñen a ser algo así como gasto disparatado, produto de delirios de grandeza equiparable ao de aeroportos sen viaxeiros ou circuítos de carreira sen coches, que de todo hai na viña del señor. Un editorial recente dun medio galego contaba ate case duascentas. Pero meter todo no mesmo saco, sen embargo, di ben pouco a favor de quen reivindica máis rigor e cumpriría certa prudencia á hora de pontificar.

As comunidades autónomas, como as empresas ou os grupos de gaita, teñen que internacionalizarse. Deben estar no mundo porque é nese escenario no que tamén se xoga o seu futuro. Outra cousa é que se faga con frivolidade, sen criterio ou con ambicións desorientadas. Iso podería evitarse, en boa medida, se o propio estado democratizase a súa acción exterior, fomentara a acción leal e coordinada das comunidades autónomas, fora quen de abrir espazos de integración e capacitación do persoal e pluralizara a súa acción exterior gañando eficiencia ao facer valer aqueles eidos xeopolíticos que poidan robustecela globalmente (dende a acción mediterránea en Cataluña ata a acción lusófona en Galicia, poñamos por caso).

Cómpre reivindicar que as cousas se fagan ben e cabe esixirllo a todos, comezando polo propio Estado, cunha acción diplomática que, a dicir verdade, presenta, de vello, numerosos claroscuros. O problema da acción exterior das autonomías devén fundamentalmente das asimetrías do seu desenvolvemento, derivadas da imposición dun estrito corsé claramente desfasado.

O que en realidade precisamos, mais en tempo de crise e no mundo en que vivimos, é dunha acción exterior máis potente e orientada, capitalizada no sector público e liderada cunha estratexia de país que tire proveito das nosas singularidades, xestionadas coa eficiencia e a lealdade debida. Reclamar o mero deixamento, ademais de demagóxico, é unha renuncia insensata que a pouco que observemos a realidade internacional e a conduta doutros estados, incluso mais centralizados, cae polo seu propio peso. As sociedades máis internacionalizadas son as que mellor resisten a crise, escóitase a miúdo. Non hai aposta mais estratéxica que a internacionalización e debe ser integral: dende a economía, dende a cultura, dende a política.

Resulta curioso que ninguén reivindique una reforma do servizo exterior que se adapte ao feito autonómico, pois aquel segue sendo profundamente centralista. ¿Qué sentido ten, poñamos por caso, a existencia de tantos agregados de educación nas embaixadas españolas –percibindo retribucións pouco dadas á austeridade- cando as competencias de educación foron transferidas ás comunidades autónomas? Estas seguen sen teren forma de participar na definición da acción exterior do Estado, cousa que si acontece noutras políticas públicas, e a pesar de que o Estado desenvolve no exterior competencias que non ten, porque xa as transferiu ás comunidades autónomas. ¿Onde están realmente o exceso e a incoherencia?

 
 

Xulio Ríos,
director do IGADI e autor de nove libros sobre China

Clic para aumentar
 
Volver a TitularesVolver a Acción exterior



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 03/08/2011


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta