| Presenza-Opinión / África |
||||||||
| Tamén Exipto Xosé Luís Franco Grande (A Nosa Terra, 31/01/2011) |
||||||||
|
E agora Exipto. E con el Xordania e o Iemen. Parece que, ao cabo, se desencadeou o efecto dominó. Pero Exipto non é Tunisia: ten oitenta millóns de habitantes, é o país que lle quitou Suez ás potencias coloniais e que en 1973 desafiou a Israel. O que lle confire moito prestixio en todo o mundo árabe. Iso, por outra banda, significa que o efecto dominó pode ser agora definitivo. De momento, o exército parece que se limitou a sacar os tanques á rúa e pouco máis. A imaxe dos manifestantes subidos aos tanques non parece demostrar unha especial belicosidade das forzas armadas. É un exército que ten recibido un trato preferente dos EE UU (uns dous mil millóns de dólares ao ano), o que máis, despois de Israel. De momento, a presión de Barack Obama pode significar que Hosni Mubarak se absteña de maiores violencias. Pero xa se ve que non vai deixar o poder (a non ser que se vexa forzado a facelo). ¿Que rol está xogando nos acontecementos Mohamed el Baradei, se é que xoga algúns? Nin sequera sabemos que rol está xogando o exército, que algún parece que si e que o fai con moita discreción. E forzas armadas van ser, sen dúbida, o factor máis importante e decisivo dos actuais acontecementos. En calquera caso, Mubarak vai ter moi difícil superar as esixencias das masas exipcias. A presión dos EE UU semella que é forte e que se lle esixe un cambio radical, como pide a xente, non un cambio cosmético. Porque ese país non pode darse o luxo de soster un Exipto que lle cree inestabilidade no Oriente Medio. O futuro de Mubarak non pode ser máis incerto. |
||||||||
Xosé Luís Franco Grande é escritor. |
||||||||
|
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 02/02/2011
|
||||||||
|
||||||||