Presenza-Opinión Volver a TitularesVolver a Presenza/Asia/ Asia
Despois de Bin Laden
Xosé Luís Franco Grande (A Nosa Terra, 09/05/2011)

Versión para imprimir

 

Hai quen pensa que o terrorismo de al-Qaeda, despois da morte de Ben Laden, será outro, menos forte, máis en extinción, máis descabezado. Pero, como ben escribiu Robert Fisk, “al Qaeda é unha maneira de pensar, non un exército. Aliméntase da dor, do temor e da crueldade –a nosa crueldade e a nosa opresión- e mentres sigamos dominando o mundo musulmán cos nosos helicópteros Apache e os nosos tanques e os nosos Hummvees, e os nosos “ditadores amigos”, al-Qaeda continuará” (The Independent, 1 xuño 2008).

Non pasa nada: a sucesión está asegurada, paréceme, no que sempre foi a súa man dereita, Ayman al-Zawahiri, de 60 anos. Claro que a morte de Bin Laden ten un carácter simbólico moi a ter en conta, pero al-Qaeda está vixente de distintas maneiras en moi diferentes países, como é sabido.

Tamén é certo que o seu fracaso parece evidente en relación coas recentes revoltas do Magreb e outros países: a vía escollida polos rebeldes non foi ningunha das que predicou Ben Laden –nin sequera a do odio aos occidentais. A vía do fanatismo tampouco rematou con el, que vai seguir, pode que como unha opción marxinal, pero sempre capaz de xerar moito dano. 

Debido á súa peculiar estrutura organizativa é case imposible saber o número aproximado dos seus militantes operativos. Primeiro, porque están espallados por moitos países e segundo, porque só se volven operativos cando a organización o decide, e pode non decidilo en moito tempo.

En calquera caso, cómpre ter sempre moi presentes as ideas de Robert Fisk:  non se trata dun exército senón dunha maneira de pensar. Xusto por iso, porque se trata dunha maneira de pensar, se non se modifican as causas determinantes dese pensamento, al-Qaeda seguirá sendo unha forza que vai contar por moito tempo. Infelizmente.

 
 

Xosé Luís Franco Grande é escritor.

 
Volver a TitularesVolver a Presenza/Asia



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 09/05/2011


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta