| Presenza-Opinión / Oriente Medio |
||||||||
| Libia, Siria, Iemen… responsabilidade de protexer? Roberto Mansilla Blanco (igadi.org, 07/06/2011) |
||||||||
|
A ampliación por tres meses máis da misión da OTAN en Libia mentres se intensifica o apoio occidental aos rebeldes, co pretendido obxectivo de acabar co réxime de Muammar al Gadafi, contrasta notoriamente co silencio e a inacción internacional ante a crise iemenita, trala abrupta saída do poder do seu presidente Alí Abdulá Saleh e a posibilidade de renovación da guerra civil, así como da brutal represión do presidente sirio Bashar al Asad contra as protestas neste país, con estimacións dun milleiro de mortos. A diferenza de Libia, nin a ONU nin a OTAN fixeron causa común para deter a desproporcionada e brutal represión en Siria nin os fortes enfrontamentos en Iemen, que levaron a caída dun novo presidente árabe. En ambos casos, a represión contra a poboación civil foi tan notoria como o silencio occidental ante a represión gobernamental en Bahrein en febreiro pasado, e que contou coa cooperación dun aliado enerxético occidental como Arabia Saudita. En ningún destes casos, a Responsabilidade de Protexer apareceu como argumento clave para dar curso a unha intervención internacional contra os seus respectivos réximes. A diferenza do que sucedeu en Iraq en 2003, ninguén dubida da legalidade imposta pola ONU para intervir en Libia a través dunha zona de exclusión aérea que, en ningún caso, estipulaba unha intervención militar do calibre que se observa na actualidade. Cuestionable pode ser a activación dunha Responsabilidade de Protexer contra presuntos crimes cometidos por Gadafi contra a súa poboación civil, tanto como resulta pouco fiable o apoio outorgado por Francia, Gran Bretaña e EEUU a unha plataforma de rebeldes libios como “autoridade lexítima” nese país. No caso sirio, a represión de Bashar al Assad só provocou unha inicial condena do Consello de Seguridade da ONU, mentres en Iemen os temores occidentais se centran na inestabilidade e posible reactivación da guerra civil entre clans e comunidades étnicas, onde o islamismo yihadista salafista podería aproveitar a conxuntura para tomar o poder. Sería, entón, o único caso no mundo árabe e musulmán no que o integrismo salafista defendido por Al Qaeda, puidera achegarse ao poder, curiosamente nunha conxuntura materializada polo asasinato do seu líder Osama ben Laden en Paquistán, e a percepción de debilitamento da súa rede terrorista. O secretario xeral da OTAN, Anders Fogh Rasmussen, pedía esta semana un “maior compromiso” dos socios da alianza atlántica para “repartir a carga militar” en Libia. Pero dificilmente Occidente logrará reverter ao seu favor o curso da crise no mundo árabe, nin tampouco equilibrar a incerteza dos cambios que esperan na rexión. Tampouco semella que as transicións políticas na rexión consideren escrupulosamente os intereses occidentais: o novo goberno exipcio post-Mubarak, que busca lexitimarse a través dunha reforma constitucional, comeza a orientar unha posición máis pro-palestina que modifica sensiblemente o mapa xeopolítico rexional, en especial de cara aos intereses de Israel e EEUU. Consecuencias imprevistas da cuestionable activación da Responsabilidade de Protexer.
|
||||||||
|
||||||||
|
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 07/06/2011
|
||||||||
|
||||||||