Igadi na Rede / Presenza-Opinión - A nova nomenklatura rusa
 
 
A nova nomenklatura rusa
Roberto Mansilla (igadi.org, 02/10/2011)
 
 

Tantos anos descualificando a nomenklatura soviética para agora decatarnos que ese e non outro ven sendo o estado “natural” da política rusa… Así cabería deducilo do recente anuncio da inversión de papeis entre a presidencia e a xefatura do goberno en Moscova con vistas ás eleccións de 2011 (parlamentarias) e 2012 (presidenciais) na potencia euroasiática.

A vinte anos da disolución da Unión Soviética, Rusia Unida, o auténtico movemento político “herdeiro” do extinto PCUS, pretende consolidar así a súa trama de fidelidades persoais e solidariedades mafiosas que dan vida ao peculiar establishment ruso, unha amalgama de conivencias do poder económico, financeiro, mediático, político e ata policial que nada ten que envexar ao monopolio xestionado por aquelas oligarquías que de vello aseguran ao Kremlin e as súas prolongacións a total impunidade da man dun control asfixiante das principais esferas do poder.

O anuncio de Medvedev no recente XII Congreso de Rusia Unida viu a desbaratar nun abrir e pechar de ollos as fantasiosas conxecturas que apuntaban ao abrollar de aspiracións propias e ata democratizadoras na enfaixada política rusa. As “grandes” diferenzas entre Medvedev e Putin en estilo e filosofía e ata tamén en modelo de desenvolvemento apuntando formas para unha maior occidentalización pasaron a segundo plano tralo anuncio da dobre candidatura. A decisión presentouse adobiada co sinónimo da “seguridade política”, unha mensaxe dirixida, seica, aos mercados, acompañada de ambiciosos plans no económico e no social de tan difícil cumprimento que moitos auguran a súa inevitable mutación post-electoral en decisións pouco populares.

No político cabe esperar que Putin prosiga coa inercia da recentralización do poder pese a que no XII Congreso propúxose tamén todo o contrario para gañarse o favor das elites locais ás que se prometeron máis recursos e competencias a fin de garantir as necesarias complicidades.

O sistema de poder en Rusia, conformado á medida non tanto das ambicións de Putin como en coherencia coa súa tradición política e cultural, vai facendo así virtude das adhesións incondicionais en todas as esferas de poder.

Burocracias e oligarquías visibles e invisibles confórmanse como as dúas caras do sistema da man dun aparello partidario sen apenas límites tanto polas carencias dunha oposición en extremo minguada, como pola inexistencia dunha sociedade capaz de influír de forma determinante na acción pública. O poder de Putin, no cume dos cumes, gaña enteiros ata emular un liderado de corte tsarista cun horizonte de permanencia incuestionada en tanto non eclosione unha de tantas rebelións que ao longo da historia rusa arrombaron con todo ao seu paso.

Rusia Unida, dez anos despois da súa constitución, afronta con notoria folgura as próximas contendas electorais. Sabe que a propia existencia da oposición segue formando parte dunha cultura política que sen o factor cohesionador dunha ideoloxía aglutinante e mobilizadora carece de oportunidades efectivas fronte á omnipotente burocracia. Esta, a diferenza do pasado, agora lexitima o seu devalo botando man dunha participación electoral apenas ensombrecida polas irregularidades insistentemente denunciadas pola oposición. Un clamor no deserto.

 

Roberto Mansilla Blanco, analista do Igadi.

 
 
 
04/10/2011 (c) Igadi, Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional, www.igadi.org
http://www.igadi.org/artigos/2011/rm_a_nova_nomenklatura_rusa.htm