Acción exterior Volver a TitularesVolver a Acción exterior
Tomarse China en serio
Xulio Ríos (ECO, 06/2010)

Versión para imprimir

 

Rematou a Semana de Galicia na Expo Shanghai. Houbo case de todo: música tradicional, danza, gastronomía, promoción de negocios, turismo, etc. Pódese facer máis e mellor, pero tamén menos e peor e cumpriuse con certa dignidade. En Galicia, alguén xa se interesa polas facturas, como querendo saldar unha vella conta. Non digo que non haxa que fiscalizar o gasto realizado, pero o debate máis importante non é ese, senón se esta vai ser unha acción illada ou non. De selo, si que será un esforzo baldío e os recursos, empregados con maior ou menor acerto, estragaranse de modo inevitable. Pola contra, se perseveramos, cunha estratexia integral e implicación institucional, como hai que facer as cousas hoxendía, poderemos ata recuperar o terreo perdido e seguir avanzando.

Os últimos anos teñen sido prolixos en anuncios e escasos en realizacións. Ninguén sabe que foi daquel agasallo do ministro Moratinos de abrir unha delegación de Casa Asia en Galicia. Outras promesas de diverso signo das nosas autoridades seguiron igual camiño e as proclamas que encheron as primeiras páxinas dos xornais a propósito da importancia de China para Galicia foron quedando en papel mollado. Como “hai que dicir algo”, somos moi dados á propaganda do momento (e o exotismo oriental semella venderse barato e sen moito esforzo) sen chegar a comprender que esta é unha carreira de fondo na que debemos estar presentes con rigor, perspectiva e horizonte. A política que se fai a base de anécdotas non pode dar moito de si. Os datos dos intercambios económicos, por exemplo, falan por si sós: no último lustro, o comercio exterior de Galicia con China reduciuse entre un 54 e un 61 por cento, dependendo das fontes utilizadas (Datacomex ou Cámaras de comercio, respectivamente).

China vive no planeta do crecemento e nós noutra galaxia, na da crise e ás portas da recesión. Despois de medrar un 8,7% en 2009, en 2010, as previsións sitúanse entre dous e catro puntos por riba do obxectivo oficial (8%). É obvio o interese, presente e futuro, deste mercado, inmerso na zona máis dinámica do mundo, e resulta incomprensible que deixaramos perder posicións neste entorno (tanto no continente como en Taiwán) sen tan sequera dar a batalla por mantelas.

Cómpre tomarse en serio a aposta por China e hai que facelo poñendo en valor as nosas avantaxes comparativas e deseñando unha estratexia específica, con creatividade e participación dos sectores con maior potencialidade e con maior dinamismo (hoxe peixe, mobles, máquinas e aparellos mecánicos, etc.), pormenorizando nos obxectivos, na formalización de alianzas, na definición de ámbitos territoriais prioritarios e nas accións a desenvolver, e perseverando nelas, apostando por un maior coñecemento da realidade chinesa entre nós, e integrando e proxectando as diferentes propostas e iniciativas en curso que a diferentes niveis (dende a Universidade ou a sociedade civil ata os clústers ou a propia administración pública) teñen o xigante de Oriente como referencia. Só así poderán rendabilizarse accións como a da Expo Shanghai. Ou iso ou máis anécdotas.

 
 

Xulio Ríos,
director do Igadi e asesor de Casa Asia.

Clic para aumentar
 
Volver a TitularesVolver a Acción exterior



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 24/05/2010


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta