| Presenza-Opinión |
||||||||
| Solidarnosc Xulio Ríos (igadi.org, 07/09/2010) |
||||||||
|
O sindicato polaco Solidarnosc conmemorou o trixésimo aniversario da sinatura dos acordos de Gdansk que abriron paso en 1980 a unha década de profundas transformacións en Polonia e en toda Europa oriental e ata no mundo enteiro. O xerme da disolución da URSS e da liquidación do socialismo real xurdiu naqueles estaleiros onde os propios traballadores viraban as costas a quen dicían militar pola súa emancipación mentres aplaudían as proclamas do presidente estadounidense Ronald Reagan desfilando baixo a consigna “Fieis a Deus e a Solidarnosc”, ante o desconcerto de Edward Gierek, primeiro secretario do POUP (Partido Obreiro Unificado Polaco) quen xa en 1970 tivera que facer fronte a unha revolta obreira en Poznan. Nesa controvertida orixe radica o paradoxo esencial de Solidarnosc e explica a posterior perda de influencia do propio movemento que cos seus dez millóns de afiliados chegou a aglutinar as arelas de cambio da intelectualidade, da Igrexa, pero tamén de boa parte da clase traballadora das empresas públicas (incluíndo moitos militantes do POUP), pero entregando esa base social a líderes conservadores que postulaban políticas, finalmente, nefastas para os seus propios intereses. Aqueles que Solidarnosc quería redimir acabaron sendo, tamén, os maiores perdedores da transición que se iniciaría entón. E dos dez millóns pasou ao medio millón de hoxe, cunha identidade en perpetuo extravío. Esa mesma contradición estivo moi presente nas celebracións deste agosto de 2010, nas que a principal estrela foi o ultraconservador e ex primeiro ministro Jaroslaw Kaczyinsky. Non é que Solidarnosc perdese o norte, como veu a dicir Walesa, ausente das conmemoracións; é que, como acontece a miúdo, sendo capaz de destruír o vello sistema, Solidarnosc non foi quen de acomodarse ás singularidades e esixencias da nova situación que contribuíu a favorecer de modo tan decisivo. |
||||||||
|
||||||||
|
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 07/09/2010
|
||||||||
|
||||||||