Acción exterior Volver a TitularesVolver a Acción exterior
Sempre no Mundo
Xulio Ríos (Fundación Galiza Sempre, 01/10/2010)

Versión para imprimir

 

O proceso de construción da nación é inseparable do proceso de construción dun mundo de nacións. Así entendido, o nacionalismo, mesmo cando a súa aspiración cristaliza nunha reivindicación de corte independentista, non é outra cousa que a definición dun novo xeito de unión cos demais pobos e, en ningún caso, expresión de arredismo algún baseado no hipotético erguemento de novos valados que amosen insolidariedades, como denuncian a cotío moitos dos seus críticos.

O nacionalismo das pequenas nacións, expresión da identificación e do compromiso coa propia comunidade é, ten que ser, por forza, universalista. En consecuencia, é mesmo unha obriga moral, na medida en que é manifestación dese deber imperioso fronte á propia humanidade de promover a preservación unha identidade xenuina que forma parte do acervo cultural e social común.

O primeiro galeguismo engade a estas consideracións unha mensaxe conciliatoria e de apertura, ben afastada de calquera tipo de chovinismo, asumindoa plenamente tanto no eido teórico como práctico: “Os nacionalistas deben coñecelos outros pobos, buscalas afinidás que nos xunguen....”, dicía Vicente Risco en Céltiga o 25 de maio de 1931. No Programa do Partido Galeguista (PG) recomendabase aos grupos e militantes un esforzo permanente  “por coñecer dabondo a loita política dos outros pobos, os derradeiros avances da economía ou da ciencia no que se refire á súa especialidade. Que teña de confesarse sempre que as portas de Galicia cara o mundo están abertas grazas a nós”, dicíase en A Nosa Terra o 3 de xuño de 1933. Ese punto de vista, asociando galeguismo e universalismo, galeguismo e progreso e modernidade, ten unha elevada taxa de retorno na medida en que contribúe a consolidar e desenvolver a propia conciencia galeguista, integrando doadamente as experiencias alleas para orientar a toma de decisións nas políticas concretas a todos os niveis

Esta concepción do nacionalismo está ben enraizada no corpus político e doutrinario do galeguismo de inicios do século XX. Galicia ten misións alén das súas fronteiras, dicía Plácido Castro (1), defensor desa acepción do nacionalismo como punto de contacto co mundo, en alusión clara ao fomento da aproximación a Portugal e ao Brasil alén das relacións sentimentais coas terras celtas do Atlántico, sen menosprezar a bagaxe compartida coas nacións americanas e ata con Filipinas. A “Galicia, célula de universalidade”, que figuraba na Declaración de principios do PG, non postulaba un universalismo abstracto senón que baseábase no desenvolvemento das patrias, das culturas nacionais, mesmo rexeitando aquela outra concepción do cosmpolitismo ou dun internacionalismo uniformizador baseado na exacerbación da igualdade na irmandade como máxima aspiración da humanidade. Galeguistas de corte marxista, como Lois Tobío, e de corte liberal, como Plácido Castro, eran expresión, na súa militancia compartida, da inexistencia de contradición entre o desenvolvemento das patrias e as culturas nacionais e o internacionalismo preconizado dende as esquerdas de base proletaria. A humanidade é un organismo completo onde cada unha das nacións é unha célula de universalidade, dicía Tobío (2). Saudaban así a emerxencia política das nacións aínda que os seus procesos foran conducidos por forzas que haberíamos de cualificar de dereita.

Nesa etapa, podemos afirmar que o galeguismo, cunha xenerosa concepción de orde política e cultural, estaba na vangarda desa militancia universalista. Plácido Castro, secretario de relacións internacionais do PG e artifice do recoñecemento internacional de Galicia como unha nacionalidade naquel Congreso de Nacionalidades Europeas celebrado en 1933, foi educado dende moi novo no Reino Unido e foi fóra onde chegou a fixar os vimbios principais do seu pensamento político, nucleado arredor da defensa da identidade. Tobío, pola súa banda, que chegou a ser secretario xeral do Ministerio de asuntos exteriores do goberno republicano durante a guerra civil, estudou Ciencia Política no Berlín dos anos vinte, sendo discípulo de Hermann Heller, de quen traduciría anos máis tarde a sua Teoría do Estado, Staatslehere. Gran estudoso da figura do Conde de Gondomar, outro diplomático noso gabado por Castelao no Sempre en Galiza, Tobío, por formación e vocación, exercía de galego no mundo.

Pero as evidencias do compromiso dese galeguismo cunha visión universalista do mundo que, por unha banda, está ao tanto das grandes tendencias da sociedade internacional e, por outra, non deixa de tirar leccións para enriquecer a propia traxectoria, non se limita á militancia de figuras illadas por moi relevantes que estas sexan, senón que impregna o movemento galeguista de principio a fin. Así, nas publicacións da época (A Nosa Terra, Nós, etc.) podemos comprobar as reiteradas manifestacións de interese polo acontecer global, dende Polonia a India, dende Irlanda ao conxunto do mundo céltico, e dende a política ata, moi especialmente, a cultura. Nas súas páxinas tanto podemos informarnos de Gandhi, como de Sandino (fillo de nai galega) ou do poeta armenio Nazariantz.

O enxergamento do movemento galeguista no rexurdir das nacións e a convicción de que o nacionalismo está en plena sintonía co rumbo do mundo daba azos ao proxecto de construción da propia nación, asociado á nosa identidade e cultura, pero tamén relativizando o valor das fronteiras ou da soberanía, temas de actualidade nas últimas décadas, pero xa abordados polos galeguistas hai case un século.

Esas conviccións son inseparables da defensa do pacifismo e do exercicio democrático, das solucións federais como camiño para efectivizar a solidariedade, do compromiso coa salvagarda das identidades e a afirmación dun ideal creativo. Fresca aínda na memoria a Iª Guerra Mundial, a percepción do imperialismo como causa dos conflitos armados, leva a apostar pola reivindicación do dereito de todas as nacionalidades a decidir o seu destino como requisito para acceder a unha paz duradeira.

Eles, os galeguistas, foron os que viaxaron por Europa, os que trouxeron a Galicia ideas novas, máis amplas que as da España dos centralistas. Mantiveron relacións constantes con institucións culturais doutras nacións e grazas a eles e ao labor do Seminario de Estudos Galegos comezábase a saber fóra de España que Galicia posuía unha cultura e unha personalidade propias, recabando de eruditos e especialistas europeos de renome internacional a colaboración no renacemento do país a pesares das limitacións económicas daquel tempo. (3) Para aqueles galeguistas, os galegos podíamos ser aínda máis universais ca o resto dos españois por canto dispoñemos da chave de acceso a dúas culturas: a castelán e a portuguesa (4)

O rexurdir do movemento galeguista na posguerra civil é indisociable da concepción europeísta promovida por Ramón Piñeiro. Pese a que, como ten sinalado Franco Grande (5), non deixou nada escrito, Piñeiro, con Beiras e, sobre todo, Ramón Lugrís, impulsaron nos anos cincuenta do pasado século a idea de que o europeísmo podía axudar a mellor comprender e anovar un galeguismo que xa nas súas orixes primeiras identificábase cun europeísmo que, claro está, non cabe equiparar automaticamente co existente hoxendía.

Galicia, para Piñeiro, é unha cultura e, nese senso, pode contribuir á cultura común que é Europa. Pero tamén Europa podíaa ser o camiño para afirmar un desenvolvemento autónomo de Galicia sen necesidade de negar España, como ben clarexaba Ramón Lugrís (6). Aquel europeísmo participaba do federalismo defendido por Denis de Rougemont, autor de referencia na época.

O nacionalismo que arranca nos anos sesenta asume un perfil netamente diferente, abrazando un internacionalismo que resultou incómodo á hora de desenvolver unhas relacións internacionais específicas nas que primaba o factor político, a diferenza da primacía cultural que inspiraba o piñeirismo. O contexto da ditadura impoñía un marco limitador onde a aspiración á “liberación nacional e social” sobranceaba sobre calquera outra consideración. A diferenza doutros movementos contra a ditadura, o nacionalismo estaba, no fundamental, illado internacionalmente e sometido ao paradoxo dunha querencia e simpatía cos países do socialismo real e os seus partidos gobernantes que estes rexeitaban ao apostaren polas formacións homólogas do Estado. Esta incomprensión derivou, na práctica, na conformación dun abano de relacións moi plural (movementos nacionalistas, de esquerda e de orientación comunista) onde o elemento determinante pasou a ser o antiimperialismo, un concepto que o asociaba co primeiro galeguismo.
                                                                                                                     
No periodo democrático do derradeiro cuarto do século XX, medraron as posibilidades do nacionalismo de articular un discurso e unha presenza internacional, desenvolvendo unha axenda acaída, en paralelo ao incremento da súa influencia social e política e a mellora da súa presenza institucional no plano interno.

Non obstante, a eclosión nacionalista que trouxo consigo a desintegración soviética xerou un importante desconcerto no nacionalismo de finais de século. A diferenza dos galeguistas, que no seu tempo celebraban a emerxencia de novas nacións no escenario político mundial, a enorme transformación vivida en Eurasia a partires de 1990 foi interpretada en clave ideolóxica, optando pola inhibición cando non pola condena (7) ao considerar que se trataba de movementos de inspiración dereitista e ata manipulados polas potencias interesadas na destrución da URSS. A confusión entre o que poderiamos chamar o interese nacional e aquel outro interese construido sobre elementos ideolóxicos de corte sectorial quedou ben visible, privándose o nacionalismo de tomar contacto ata cos movementos de esquerda que tamén reivindicaban a fin da orde soviética. Esa desafección produciuse nun momento histórico dificilmente repetible, caracterizado polo traslado dos problemas nacionais ao epicentro da evolución política europea. O nacionalismo galego semellaba laiarse entón do xurdimento de novas nacións con estados propios, rexeitaba establecer diálogo directo coas forzas representativas desas novas realidades, negábase a admitir que aquel chamado socialismo vixente na URSS, en Checoslovaquia ou na propia Iugoslavia non era a vía para resolver os problemas nacionais. Os máis nacionalistas en Galicia eran pro-PCUS e acusaban aos nacionalistas de destruir a URSS. A lebre saltara onde menos se agardaba.

A parcialidade do discurso, a falta de sensibilidade e ata as reminiscencias dogmáticas explican o desentendemento do nacionalismo respecto á presenza en movementos sociais e opcións alternativas mais ou menos recentes que fan do internacional, en boa medida, a súa razón de ser. É o caso paradigmático das ONGDs. O nacionalismo preocupouse de fomentar a autoorganización estudantil, labrega, mariñeira, obreira, dos escritores, etc., pero non así de acompañar un fenómeno que podía procurarlle unha presenza internacional a carón doutros movementos desenvolvendo unha cooperación internacional que reflectira as singularidades de Galicia neste eido. Á inversa do acontecido durante a etapa galeguista, houbo implicacións particulares de nacionalistas nestes novos movementos sociais, pero a tendencia predominante no movemento foi a descualificación baseada na súa asociación coa caridade ou coa suavización das contradicións de clase para impedir a consolidación das expectativas de cambio social, quizais compartindo a vella crenza de que a pobreza enxendra revolución. Quizais tamén esa falla de compromiso derivou na perda de peso das opcións transformadoras neste movemento.

A presenza no Parlamento europeo, grazas ao inmenso traballo do titular da representación nacionalista e do seu equipo, marcou un punto de inflexión, ao entrar en contacto cunha realidade moi plural que abría numerosas oportunidades pero que, non obstante, viuse lastrada por dous problemas. Primeiro, a ambigüidade europeísta do nacionalismo galego, expresión das diferentes posicións existentes no seu seo a propósito do proceso de integración. Segundo, as deficiencias á hora de trasladar ao conxunto da organización a importancia de estar presentes no mundo de forma activa e comprometida, acompañando vellos e novos procesos onde a voz de Galicia pódese facer oir. Só así se explica que a principal organización do nacionalismo organice as súas comisións de traballo e aínda hoxe non haxa ningunha relativa a asuntos internacionais, europeos ou con calquera outra connotación análoga.

Somos un país no mundo e o nacionalismo non pode permitirse o luxo de concibir a súa política de costas a el. Ademais, non só precisa seguir o acontecer mundial e conformar opinións fundadas sobre o mundo contemporáneo e as súas tensións, provocando debates que incrementen a conciencia interna sobre o valor e transcendencia desta cuestión, bastante feble aínda, senón que é fundamental atraer as persoas interesadas, formar equipos, especializar por áreas e preparar recursos humanos capacitados para enriquecer a política exterior galega, sexa dende a oposición ou dende o goberno, dende a acción autonómica, estatal ou municipal, sectorial ou xeral. O nacionalismo, en coherencia coa estrañada tradición universalista do galeguismo, debería liderar en Galicia as políticas de inserción internacional do país (8)

Como conclusión, cómpre sinalar que o nacionalismo galego precisa recuperar as esencias do que foi a súa conexión co mundo. É un factor que sempre estivo presente neste movemento, aínda que o seu desenvolvemento ten sido desigual en función das circunstancias de cada momento político, das propias carencias organizativas e da ausencia dun debate clarificador que afinase criterios, condicionados nos últimos tempos por un atractivo dependente da trascendencia pública de determinadas accións, lamentablemente enfocadas como episodios mediáticos relativamente exitosos pero que non se enmarcan nunha estratexia coherente e previamente definida.

A comprensión e o desenvolvemento da acción internacional do nacionalismo galego segue a ser unha asignatura pendente. É un vello problema ao que xa se referiu Castelao no Sempre en Galiza: “Eu son fillo dunha patria descoñecida porque ninguén soubo dar sona e creto internacional ás nosas reivindicacións patrióticas” (9). Revisitando ese tempo atoparemos as claves para acertar hoxe.

 

Notas

  1. Castro, Plácido, La política exterior de Galicia, El Pueblo Gallego, 4 de agosto de 1933. Accesible en www. igadi.org.  
  2. Tobío, Lois, “O 36 na Galiza”, en A Nosa Historia nº 1, de A Nosa Terra, 25 de Xullo de 1986.
  3. Castro, Plácido, Nacionalismo universalista, en El Pueblo Gallego, 29 de outubro de 1931.
  4. As Conferencias da Irmandade, noticia da conferencia impartida por Plácido Castro na IF da Coruña o 3 de decembro de 1931, A Nosa Terra 291, 1.1.32.
  5. Franco Grande, Xosé Luis, Europa dende Compostela, en O europeísmo de Ramón Piñeiro, Texturas internacionais, Igadi, 2009.
  6. Lugris, Ramón, Galicia-Federalismo-Europeísmo, Notas sobre o tempo en que, con Piñeiro, ollabamos Europa como meta para Galicia, en O europeísmo de Ramón Piñeiro, Texturas internacionais, Igadi, 2009.
  7. Rios, Xulio. Galicia non existe, en A Nosa Terra, 1.10.92.
  8. Rios, Xulio. De costas ao mundo?, en Galizanación, 21.08.10.
  9. Castelao, Sempre en Galiza, Ediciós Galiza do Centro Galego de Bos Aires, 1944, Páx 139.

 
 

Xulio Ríos,
é director do IGADI (Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional) e autor, entre outros, de “Nós no Mundo” (Galaxia, Vigo, 2010).

Clic para aumentar
 
Volver a TitularesVolver a Acción exterior



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 26/09/2010


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta