Presenza-Opinión Volver a TitularesVolver a Presencia/Estados Unidos/ Estados Unidos
Obama: un ano entrampado
Xulio Ríos (Xornal de Galicia, 24/01/2010)

Versión para imprimir

 

O presidente Barack Obama chega ao final do seu primeiro ano na Casa Branca con certa sensación de desacougo e frustración. Para uns, é a evidencia de que o cambio prometido non era sincero. Para outros, revela a complexidade da política estadounidense, onde o presidente máis poderoso do mundo non é quen sequera de pechar un cárcere como Guantánamo. Tal é a forza dos poderes fácticos instituídos. A desilusión pola tardanza na aplicación da axenda do cambio, con escasos resultados tanxibles, explica que os índices de aprobación sitúense por debaixo do 50%, segundo revelan moitas das enquisas realizadas nestes días. Aquela ilusión inicial que facía crer que Obama podía poñer de novo todo a funcionar e na dirección correcta vaise esvaendo.

A acción de goberno de Obama no que vai de mandato volcouse, preferentemente, na xestión da crise económica, aínda nunha situación moi delicada, e na reforma da lexislación en materia de saúde, cun resultado incerto. O paquete de estimulo, por valor de 787.000 millóns de dólares máis o plan de estabilización financeira e outras medidas reestruturadoras de sectores industriais importantes, xunto ás iniciativas de corte social, contiveron os danos pero non permitiron remontar de forma clara e terminante unha crise tan fonda. A mala evolución do emprego, aínda en cifras de dous díxitos, así como doutros índices, explican a crecente impopularidade do presidente nas diferentes franxas de votantes. A reforma do sistema de saúde, principal prioridade da súa axenda, cun desenlace incerto, pode dilapidar boa parte do seu capital político se, finalmente, a pesar das cesións feitas aos seus opositores (moi especialmente a creación dun seguro sanitario público), non consegue sacala adiante.

Por outra banda, no eido exterior, houbo xestos positivos, evidenciando un maior compromiso co multilaleralismo e sendo máis conciliador nos litixios tradicionais, en claro contraste co comportamento da anterior administración. Ese novo ton está na base da controvertida concesión do Premio Nobel da Paz. Non obstante, tampouco aquí podemos falar, polo momento, de resultados tanxibles, contabilizando unicamente, a sensu contrario, a decisión de trasladar o epicentro da guerra contra o terrorismo de Bagdad a Cabul e o envío de máis de 30.000 novos soldados a Afganistán, toda unha trampa para Washington. Esas decisións (como a excesiva militarización da resposta á crise humanitaria de Haití) alimentan dúbidas e desconfianzas e sitúan entre paréntese a estratexia de “poder intelixente” na que di basear a súa diplomacia, unha operación de aparente sedución para evitar a erosión do seu liderado e que leva a EEUU a primar a “volta ao Pacífico”, a área xeopolítica onde hoxe se lle disputa a hexemonía global.

Obama ten por diante, no inmediato, tres retos clave: o emprego, a reforma da saúde e Afganistán. En ningún deles pode dicirse que é total culpable do estado de cousas, pero si é responsable de acadar melloras e en todos está en xogo a súa credibilidade política. Se non logra resultados efectivos nestas tres materias, os demócratas terán unha axenda política moi complexa con serias posibilidades de pagar un alto prezo nos comicios de metade de mandato, como xa anticiparon os recentes resultados de Massachussets. A axenda do cambio precisa un cambio de rumbo.

 
 

Xulio Ríos,
director do Igadi.

Xulio Ríos, clic para aumentar
 
Volver a TitularesVolver a Presencia/Estados Unidos



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 22/01/2010


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta