Presenza-Opinión Volver a TitularesVolver a Presenza/Outros/ Outros
O barómetro do PNUD
Xulio Ríos (ECO, abril/2010)

Versión para imprimir

 

O índice de desenvolvemento humano do PNUD (Programa de Nacións Unidas para o Desenvolvemento) é unha referencia inescusable a nivel mundial para diagnosticar a evolución cualitativa do nivel de vida da poboación dun determinado país. Os seus parámetros de definición, fixados hai dúas décadas da man dos economistas paquistaní e hindú Mahbub ul Haq e Amartya Sen, respectivamente, están hoxe en cuestión obrigando a unha polémica redefinición para acomodarse aos cambios rexistrados, tendo en conta non soamente a evolución do PIB, a esperanza de vida ou o nivel educativo, senón tamén outras variables. Entre estas, cítanse, por exemplo, a participación, a igualdade homes-mulleres, ou as liberdades públicas, valores indisociables hoxe do concepto de benestar e necesarios para acertar na estimación da súa evolución.

Os críticos da fórmula actual, tanto economistas como estados, tanto pobres como ricos, non conformes co xeito en que se recollen os seus indicadores, sinalan que concede excesiva importancia ao PIB e non reflicte, por exemplo, a inseguridade estatística reinante en moitos países, cunha heteroxeneidade e fiabilidade que deixa moito que desexar. Non falta tampouco quen reclame a súa supresión aproveitando o debate, desautorizando o valor duns datos que se fan públicos, por regra xeral, ata dous anos despois de ser recollidos co que a asignación de bos e malos comportamentos non deixa de ser relativa (sería miragoso, non obstante, que en dous anos produciranse cambios substanciais). Pese a todo, cabe recoñecer que moitos dos reparos sinalados son dificilmente traducibles en magnitudes cuantificables e moitas veces agochan a insatisfacción pola imaxe derivada da suba ou baixa no índice correspondente.

Admitindo a necesidade dunha fonda reflexión sobre a súa definición que aproxime en maior grao a estatística e a realidade, procurando acoller dimensións hoxe escasamente reflectidas (dende a precarización ata a economía informal, tamén), non parece, sen embargo, aconsellable que baixo a sospeita de imprecisión, prescindamos dun instrumento que ten servido para fixar un diagnóstico certamente útil para abrir debates e inquirir respostas das autoridades públicas en tempos nos que, ao abeiro da crise, semellan avanzar de novo as tornas ultraliberais amedrentado con novos recortes en dereitos sociais.

En setembro do ano pasado, a Comisión Stiglitz adiantou unha proposta de novos indicadores que tiña en conta tanto a evolución económica como o progreso social, incorporando elementos como os indicadores de renda, niveis de consumo ou o desenvolvemento sostible. Son moitas as propostas que os diferentes países, non sempre de modo inocente, teñen suxerido nun debate que, sobre todo, debería reflectir a preocupación polo presente e futuro das persoas, ese ben tantas veces ignorado polas estatísticas e que debe seguir ocupando a posición central de toda análise que aspire a medir o desenvolvemento humano. Non debe, pola contra, ser argumento este debate para tentar eliminar un barómetro que ao longo destas décadas foi ben útil para sinalar tendencias e chamar a atención de gobernos, instancias internacionais e sociedade civil sobre a necesidade dun compromiso permanente co benestar. Pese aos seus defectos, segue a ser imprescindible.

 
 

Xulio Ríos,
director do Igadi.

Xulio Ríos, clic para aumentar
 
Volver a TitularesVolver a Presenza/Outros



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 10/03/2010


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta