Acción exterior Volver a TitularesVolver a Acción exterior
Diáspora: alén do sufraxio
Xulio Ríos (Xornal de Galicia, 24/04/2010)

Versión para imprimir

 

O debate sobre o voto da diáspora ten dúas frontes principais. Unha primeira é a referida a se os “residentes ausentes” deben votar e en que marcos. Outra, inseparable da primeira, é o establecemento de garantías suficientes para que o seu voto sexa limpo e transparente.

Non obstante, a cuestión central e de fondo a ter en conta, e moi ausente no debate actual, é definir cal é o modelo de relacións que a sociedade galega aspira a establecer coa súa diáspora. Ata hoxe predominaron dous enfoques: o asistencial e o electoral, as dúas caras dunha mesma moeda que coas súas perversións impediu que tomásemos conciencia do valor que supón o feito de contar con milleiros de galegos esparexidos polo mundo, moitos deles instalados en posicións de poder e influencia en numerosos eidos. O que onte era unha sangría hoxe constitúe un capital relacional de primeira magnitude que ben aproveitado, con políticas estables e consensuadas, respectuosas e integradoras, podería dar moitos froitos de seu, achegando contribucións estratéxicas ao país. Nese senso, a maior responsabilidade é nosa. É aquí onde debe brillar a competencia e a creatividade para idear instrumentos e políticas, oportunas e non oportunistas, que favorezan eses nexos de unión con vocación eminentemente práctica e mutua e bilateralmente enriquecedora.

No eido do sufraxio, se de verdade queremos apostar pola integración da diáspora na política galega en sentido amplo, o marco idóneo é, sen lugar a dúbidas, o espazo autonómico. E aí onde a circunscrición ten sentido, recoñecendo outra singularidade mais da nosa autonomía (para o Estado a atención prioritaria céntrase na inmigración) e expresando así esa aposta integral pola implicación da diáspora no noso devir noutros eidos, dende a economía á cultura. A circunscrición, esa quinta provincia, debe ser propia e exclusiva, con deputados que representen a diáspora americana e europea. Que a súa problemática sexa tratada polos seus propios representantes no noso Parlamento expresaría esa normalidade e axudaría a dignificar unha realidade cada vez mais deturpada pola nosa reincidente torpeza no tratamento dun problema que esixe transcender o feito electoral.

Será difícil explicarlle aos galegos da diáspora que constitúen un capital social de primeira magnitude co que queremos contar para instrumentar espazos de diplomacia pública cando, ao tempo, privámolos da posibilidade de participar e estar directamente representados na cámara autonómica e involucrarse mais no país, acusación esgrimida precisamente para rexeitar a súa participación. O seu voto é un primeiro paso, un xesto, de complicidade bilateral co país, pero tamén unha oportunidade para trazar esa folla de ruta que nos urxe para imaxinar a diáspora como un activo e non como un problema.

A participación política non é un agasallo ou concesión graciosa senón o recoñecemento dun vínculo importante que desexamos manter, fortalecer e desenvolver. Non é un problema sentimental, senón de toma de conciencia entre todos das potencialidades que supón o feito diaspórico na sociedade internacional contemporánea onde deberiamos conducirnos cos ollos ben abertos para non autoamputarnos e si aprender doutras experiencias avanzadas, vixentes noutros países e nos cinco continentes, todas elas co denominador común do amplo recoñecemento do positivo papel que as respectivas colectividades de ultramar poden desempeñar para o progreso social nun entorno como o presente no que as fronteiras físicas onde máis pesan é nos nosos limites mentais. É esa visibilidade reducida o noso maior problema, non o feito de que a diáspora vote ou non vote. Afinemos, pero non desandemos.

 
 

Xulio Ríos,
director do Igadi.

Clic para aumentar
 
Volver a TitularesVolver a Acción exterior



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 26/04/2010


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta