Presenza-Opinión Volver a TitularesVolver a Presenza/Outros/ Outros
Armas nucleares: avances e hipocrisías
Xulio Ríos (Xornal de Galicia, 19/04/2010)

Versión para imprimir

 

A presentación por parte do presidente Barack Obama da nova doutrina nuclear do seu país, o novo tratado entre Rusia e EEUU sobre redución e limitación das armas estratéxicas ofensivas e o cumio de Washington sobre seguridade nuclear situaron de novo este problema no epicentro do debate internacional.

A doutrina nuclear subscrita por Obama representa un avance notable en relación á estratexia de George W. Bush, quen descartara as posibilidades de desarme e control efectivo das armas nucleares para reservarse o dereito a librar guerras nucleares a nivel local e mesmo a lanzar ataques nucleares preventivos. Obama prometeu en 2009 reducir drasticamente os arsenais nucleares e mesmo liberar ao mundo desta ameaza. O documento da Casa Branca, promovido sen o apoio dos republicanos, modera tan nobre proclama pero establece compromisos importantes, reorientando as principais preocupacións cara o terrorismo nuclear e a proliferación e poñendo fin ao desenvolvemento de novas oxivas.

Pola súa banda, o tratado entre Moscova e Washington supón outro avance importante se ben non elimina de todo o pulso nuclear entre os dous países. O control de armamento entre EEUU e Rusia ten unha grande importancia para a seguridade mundial. O novo tratado reducirá o número de cabezas nucleares dos dous países nun terzo no espazo de dez anos e debera contribuír a establecer o clima idóneo para que ambos países aproximen posturas en materia de non proliferación (Irán). Rusia, non obstante, advertiu que no caso de que o escudo antimísiles de EEUU afecte substancialmente á súa forza estratéxica nuclear retirarase de inmediato do acordo asinado. O acordo, pese a todo, foi doado de asinar, especialmente se comparamos a rapidez do proceso negociador (10 meses) co requirido polos acordos sobre control de armamento (1972, 1991 e 1993) da época da guerra fría que requerion varios anos de duras negociacións. Ese contexto devén da redución do risco de enfrontamento nuclear entre os dous países e, consecuentemente, da necesidade de racionalizar a dimensión dos respectivos arsenais. Por outra banda, a seguridade internacional non depende tanto hoxendía do armamento nuclear como da necesidade de instrumentar novos sistemas operativos e medios adaptados aos grandes cambios que se rexistraron no mundo no eido tecnolóxico con forte influencia na defensa.

O acordo asinado en Praga o día 8 proporcionou a ambas potencias, que posúen o 95% do armamento nuclear do mundo, certa forza moral para dotar dun mínimo de credibilidade o cumio de Washington inicialmente centrado na contención da proliferación nuclear. Todas as miradas diríxense a Corea do Norte e, sobre todo, a Irán, pero o certo é que nin India, nin Paquistán nin Israel semellan estar tampouco pola labor de loitar contra esta ameaza nin por dar pasos atrás nas súas estratexias nucleares con claras dimensións bélicas. Foi por iso que o cumio derivou na busca de entendemento sobre a falla de seguridade que rodea, en moitos casos, o coidado de materiais atómicos como o plutonio ou o uranio que puideran chegar a mans de grupos terroristas.

Por moito que se arroupen estas novas tendencias como signo dun tempo menos militarista, o certo é que nesta nova dinámica no panorama nuclear global pesan moito as razóns de tipo económico. O mantemento dos arsenais é moi custoso. Cada ano consume miles de millóns de dólares. Por desgraza, nada apunta a que o aforro de recursos que se vai derivar do desarme ás portas vaia destinarse a usos civís; pola contra, comprometerase na mellora da calidade do armamento, eliminando o mais desfasado tecnoloxicamente.

Que esta hipotética nova era nuclear non equivale en modo algún a un xiro de cento oitenta graos dedúcese do feito de que o programa de escudo antimísiles de EEUU segue na axenda aínda que cun perfil incerto, pero sobre todo do feito de que o gasto militar de EEUU neste ano fiscal sitúese en niveis record e segue medrando sen que se arbitren compromisos internacionais que aseguren a súa redución efectiva.

Os cinco maiores vendedores de armas do mundo, responsables da exportación de máis do 75% das armas convencionais, son EEUU (30%), Rusia (24%), Alemaña, Francia e Gran Bretaña. A ameaza de carreiras de armamentos en América Latina, Norte de África, Asia meridional e sudeste asiático ou Oriente Medio están á orde do día. Polo momento, dos membros do Consello de Seguridade, China é o único que merca máis armas ca vende e tamén quen máis participa en misións de mantemento da paz da ONU. O gasto en defensa e en adquisición de armamento, con crise e sen ela, medrou de maneira constante nos últimos cinco anos, segundo o SIPRI (Instituto Internacional de Estocolmo de Investigación para a Paz). Esas son as reveladoras tendencias de fondo que deixan en entredito as doutrinas, tratados e cumios que exaltan o presunto pacifismo dos nosos líderes.

 
 

Xulio Ríos,
director do Igadi.

Xulio Ríos, clic para aumentar
 
Volver a TitularesVolver a Presenza/Outros



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 19/04/2010


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta