Acción exterior Volver a TitularesVolver a Acción exterior
Acción exterior: dobre ou nada
Xulio Ríos (Xornal de Galicia, 16/04/2010)

Versión para imprimir

 

A entrada en funcionamento do Consello de Acción Exterior de Galicia é unha excelente noticia para todos aqueles que concordamos non só co feito de que a nosa autonomía non pode vivir de costas ao mundo senón que esa dimensión debe constituír un dos referentes elementais da acción de calquera goberno na sociedade global en que vivimos. Así mesmo, a iniciativa de creación dun organismo destas características entendo que transmite dúas ideas clave. A primeira, que admitindo o liderado gobernamental cábelle a este tender pontes co conxunto da sociedade para consensuar os extremos dunha política que involucra a numerosos actores, públicos e privados, todos eles demandantes dunha orientación estratéxica que só o poder público pode abandeirar a fin de propiciar converxencias estables, orientar o frecuente voluntarismo e gañar en eficiencia colectiva. A segunda, que podemos crear acción exterior propia en función das singularidades da nosa identidade e das demandas estratéxicas que dela se derivan.

Cómpre identificar neste eido numerosos ámbitos onde goberno, oposición e sociedade civil poden construír marcos sólidos de entendemento que faciliten a inserción de Galicia no mundo. Temos déficits importantes e os avances e retrocesos dos últimos anos, que de todo houbo, urxen unha sistematización e posta a punto para gañar peso específico global xa falemos da internacionalización do noso tecido produtivo, da nosa cultura, do noso sistema educativo e tantos outros aspectos.

Comprometerse a fondo coa acción exterior non supón abrir fendas en lealdade algunha senón contribuír proactiva e conscientemente a un cambio de paradigma que sitúa as entidades subestatais como actores indispensables da nova cidadanía global reforzando o marco da política internacional do propio Estado. Quere isto dicir que aínda nos lindes do marco político onde debemos desenvolver a nosa actividade collen múltiples mecanismos para alentar a proxección exterior co duplo obxectivo tanto de enriquecer o global como de abrir camiño á satisfacción dos nosos intereses estratéxicos como sociedade. Nese sentido, debemos partir de nós mesmos.

O límite mais importante non está en hipotéticos preceptos constitucionais senón na nosa capacidade creativa e na disposición a establecer unha firme vontade integradora, afastada do sectarismo e firmemente comprometida cun diálogo que precisa interlocutores capaces de tomar altura para comprender a transcendencia do feito exterior para a nosa colectividade.

A aposta por este Consello debe ser gobernamental e cívica, selando un compromiso que faga avanzar o impulso.Compre tomalo en serio e dobrar esforzos, do contrario corremos o risco de que todo quede en nada. So así lograremos coller velocidade, con resultados que reforcen a nosa confianza día a día pero que tamén resistan o paso do tempo.

 
 

Xulio Ríos,
director do Igadi.

Clic para aumentar
 
Volver a TitularesVolver a Acción exterior



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 19/04/2010


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta