| Presenza-Opinión / Outros |
||||||||
| Gripe A: a estafa da pandemia Xosé Manuel Figueiras (A Nosa Terra, 21/01/2010) |
||||||||
|
Nunca chegaremos a ter a certeza absoluta da existencia dunha pandemia ocasionada polo virus H1N1, e os gobernos deben pagar agora o seu celo de precaución. Os datos son equívocos, parece que non é doado distinguir nas reaccións dos pacientes unha gripe común ou algo distinto, e por outra banda, non existe un impacto tan evidente da epidemia na sociedade. Sen esquecer que nin a Organización Mundial da Saúde (OMS) recoñece erros, nin as industrias farmacéuticas os seus truculentos intereses neste asunto. Por poñer un exemplo, a xestión da gripe A en Francia foi un desastre. Trátase dun dos países avanzados onde proporcionalmente se mercaron máis doses, non embargantes a taxa de vacinación é feble. Os “datos loxísticos cambiaron” segundo afirma Roselyne Bachelot, a ministra de sanidade, o que é o mesmo que dicir, “non era para tanto”. A pandemia, se algún día existiu, vai perdendo gravidade e intensidade (mediática tamén), non só en Francia, senón en tódolos países. No entanto, a xestión administrativa da gripe como en moitos outros países sofre unha forte crítica, bebido aos custes que supón para o Estado. Unha vez máis na súa historia, Francia é líder, non do Tour de Francia, senón dos estados que en proporción á súa poboación adquiriu máis de doses de antivirais ás farmacéuticas, sendo de paso un dos países occidentais onde as taxas de vacinación son máis baixos. Se a vacinación é baixa, isto débese non só á desconfianza do público, senón ao modelo do propio país. Como sempre centralizado. Os doutores de cabeceira poden vacinar dende a semana pasada no seu despacho (se son capaces de obter as doses nos centros de inmunización), e a ministra de sanidade, Roselyne Bachelot, asegurou que sempre contou con eles, aínda que a realidade a desminte, pois non houbo un acceso doado dos médicos de cabeceira aos produtos, nin concertación clara sobre os procedementos á hora de tratar co público, e aínda máis, o sistema está como toda Francia totalmente centralizado. No verán de 2009 púxose en marcha un « plan pandemia » cargado de alarmismo. Polo visto existía un modelo de loita contra pandemias agardando dende hai anos e con continuas actualizacións, por se acaso… “Un dos mellores” segundo as palabras da Organización Mundial da Saúde (OMS). Pero cun detalle a ter en conta importante. Estaba concibido para loitar contra virus pouco contaxiosos pero mortais. Neste contexto é lóxico que se merquen masivamente o máximo número de máscaras, antivirais e outros equipos de forma urxente, a pesares das críticas que poidan agromar, para protexerse contra a propagación. Habería poucas críticas se a OMS non deixa de mostrar alarmismo, tal e como pasou. Pero a gripe A non foi tan violenta como se contaba. E en setembro de 2009, todo estaba listo: 94 millóns de doses estaban en camiño a cambio de 869 millóns de euros, amais millóns de máscaras. A estratexia era propoñer a vacinación da poboación ao completo con dúas doses por persoa. En outubro, cando a operación de vacinación comeza, instálase a desorde, horarios mal adaptados, saturación, protestas…. E sobre todo, medra o escepticismo entre os profesionais, e logo entre a poboación. Comeza a falarse de que a vacina é banal. Indemnizacións aos laboratorios A día de hoxe, o problema xa non é a Gripe A. O gran problema é cómo facer fronte ao stock esmagante de produtos farmacéuticos que non ten uso. Os deputados da oposición critícanlle ao goberno a falla de mecanismos de cancelación de pedidos nos contratos coas farmacéuticas. As farmacéuticas tralo eco alarmista da OMS -que é o responsable final- e a imposibilidade de facer fronte á demanda de produtos, tendo en conta que moitos países quedaron sen abastecemento (lembremos que en Europa Letonia tivo que agardar polo compromiso de solidariedade dos veciños europeos), fecharon unhas condicións de produción moi favorables e atraparon aos gobernos. Roselyne Bachelot, a ministra de sanidade, recoñeceu que o Estado francés pode pagar unha compensación á industria farmacéutica debido ás cancelacións de pedidos. "As negociacións están en curso”. |
||||||||
|
||||||||
|
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 19/01/2010
|
||||||||
|
||||||||