Presenza-Opinión Volver a TitularesVolver a Presenza/Europa/ Europa
Xenofobia ou populismo
Xosé Luís Franco Grande (A Nosa Terra, 21/09/2010)

Versión para imprimir

 

A decisión de Sarkozy de botar do país aos xitanos é unha máis das atoladas decisións ás que nos ten acostumados. A súa especialidade é crear problemas onde antes non os había, como no caso do laicismo, por sinalar tan só un dos máis sobranceiros. Como bo hiperactivo, non hai maneira de que acougue.

Como é sabido, o seu problema é o baixísimo nivel de aceptación que ten entre os franceses,. E para saír do tobo en que está metido, as súas decisións procuran o maior impacto social e, ás veces, o escándalo, se este lle serve, ou coida que lle serve, para subir unhas escadas nas sondaxes e enquisas.

E xa se ve que nada lle importa exercer de nacionalista, en rivalidade coa ultra dereita de Le Pen, escornarse con medio país e cunha boa parte de Europa e expoñerse ás sancións que, máis ou menos simbólicas, poidan acordar as autoridades de Bruxelas. Un verdadeiro matón de banlieue.

O caso é que esa decisión súa mostra, polo menos, dos feitos moi negativos: que o seu nacionalismo é incompatible coa idea de Europa e coas normas europeas sobre libre circulación de persoas, e que –cousa que sorprende- tal decisión é “comprendida”  por outros gobernantes, incluído ZP. Políticos todos eles de pequeneces, resúltalles imposible comprender ningunha idea grande.

E por diante de todo, gobernantes que seguen sen percibir que o nacionalismo rematará por enterrarnos, que nos está debilitando, que pode acabar coa idea mesma dunha Europa moderna e dona dos seus destinos. Deberémosllo á vulgaridade dos seus gobernantes e políticos de hoxe.



 
 

Xosé Luís Franco Grande é escritor.

 
Volver a TitularesVolver a Presenza/Europa



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 21/09/2010


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta