| Presenza-Opinión |
||||||||
| Política emerxente Xosé Luís Franco Grande (A Nosa Terra, 03/06/2010) |
||||||||
|
Penso que ten razón Robert Dreyfuss (The Nation, 28 maio) ao afirmar que, unha vez fracasadas as negociacións con Irán a fin do ano pasado, Obama vén demostrando a súa total falta de ideas, como o proba a súa volta ás presións, en cuxos resultados positivos ninguén cre. Xusto por iso, Lula e Erdogan iniciaron conversacións directas con Irán (das que Obama fora informado) e chegaron a un acordo en todo semellante ao que tiña chegado cos EE UU e outros, pero que alterou a Hilary Clinton, quen chegou a culpar ao Brasil de que Irán gañe tempo, polo que agora o mundo é máis inseguro. Non deixa de ser sorprendente que isto suceda cando Obama di –supoñemos que por pura retórica- que abandona a doutrina Bush da guerra preventiva e se vai centrar na diplomacia. (¿Tamén no Iraq e en Afganistán?) A falta de ideas que denuncia Robert Dreyfuss semella ben convincente. Ese acordo, se fose cumprido, cousa que poño en dúbida, deixaría sen sentido unha cuarta rolda de negociacións que procura EE UU, levando a ela con moitos esforzos a Rusia e China. Explícase, pois, o alporizamento da señora Clinton, por canto deixa en evidencia a política imperial. Ao mellor estamos diante dunha nova realidade política: que os países emerxentes poden facer tamén política, e boa política, á marxe do imperio. Por iso non gusta nada en Whasington a política de Lula, pola súa autonomía de movementos, pola súa independencia e porque alí saben do prestixio que ten o dirixente brasileiro. O que lle permite moverse, por agora, á marxe da política imperial. |
||||||||
Xosé Luís Franco Grande é escritor. |
||||||||
|
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 06/06/2010
|
||||||||
|
||||||||