Presenza-Opinión / Oriente Medio Volver a TitularesVolver a Presenza/Oriente Medio
Negociacións abortadas
Xosé Luís Franco Grande (A Nosa Terra, 18/03/2010)

Versión para imprimir

 

Non poden empezar peor as chamadas “negociacións indirectas” entre Israel e os palestinos. O recibimento a Joe Binden, vicepresidente dos EE UU, non puido ser menos político nin máis desavido ao anunciar que se autorizaba a construción de 112 novos asentamentos na Cisxordania ocupada.
                                                
Os palestinos, que xa tiñan dito que esa tentativa sería a derradeira, anunciaron a súa retirada da mesa de negociacións, xa que era condictio sine qua non súa que Israel cesaría na política de asentamentos para ver de chegar a unha solución de “dous Estados para dous pobos”.

E tan contundente, ou máis, foron os EE U: a súa Secretaria de Estado  condenou cunha dureza pouco común a decisión de Israel e o desaire ao vicepresidente do seu país. Tanto que Nétanyahu viuse obrigado a dicir que lle botaría unha boa rosmada ao funcionario que fixo tal anuncio.

Pode que nunca como nesta ocasión se xogase Israel o todo polo todo desairando ao seu protector de tal maneira. Unha vez máis se confirman as convicións dos palestinos, que nunca creron na disposición de Israel a negociar, sinalando que só o facían como cortesía cos funcionarios dos EE UU, que impuxeron estas negociacións.

Unha vez máis é visto que Israel non quere negociar, só pretende impoñer condicións que os palestinos non poden aceptar (os asentamentos son a seguridade de Israel, din) e tan só confía na forza do seu exército, a pesares de que hoxe tal cousa está lonxe de ser unha realidade. E tamén unha vez máis a paz no Oriente Medio non será posible. Porque Israel non a quere.

 
 

Xosé Luís Franco Grande é escritor.

 
Volver a TitularesVolver a Presenza/Oriente Medio



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 22/03/2010


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta