| Presenza-Opinión |
||||||||
| Un mapa sen Uribe Roberto Mansilla Blanco (igadi.org, 03/03/2010) |
||||||||
Diversas incógnitas e escenarios políticos xorden en Colombia trala decisión da súa Corte Constitucional de declarar “inexequible” a realización do referendo consultivo que posibilitara un terceiro mandato presidencial para Álvaro Uribe Vélez, de cara aos comicios do próximo 30 de maio. Se ben resulta indubidable o peso de Uribe na política colombiana dos últimos anos e os seus manexos políticos para alcanzar o referendo, a decisión da Corte supón un reforzamento do carácter democrático e da fortaleza institucional existente entre os poderes públicos colombianos, afastando levemente as reiteradas acusacións de corrupción e nepotismo contra o seu sistema legal. Desarticulada a posibilidade doutra reelección, Uribe afronta espiñentos dilemas, orientados en trasladar a un sucesor (potencialmente o ex ministro de Defensa, Juan Manuel Santos) o legado da súa eficiente estratexia de “seguridade democrática” contra a guerrilla, así como o efecto simbólico en clave electoral que supón ser o presidente colombiano con maiores índices de popularidade. Así, o escenario colombiano semella compararse ao actualmente existente en Brasil, onde o presidente Lula da Silva tenta fortalecer a aparentemente débil candidatura de Dilma Roussef de cara aos comicios de outubro próximo. Paralelamente, sen Uribe e cunha candidatura de Santos con poucos consensos, o “uribismo” corre o risco de fragmentarse nunha serie de cúpulas escasamente intelixibles, sempre á espera de que o propio Uribe se converta nun “poder na sombra”que tutele ao seu “delfín”. Este escenario dilata aínda máis unha campaña electoral presidencial que, dende xa e coa ausencia de Uribe, anuncia unha dura segunda volta. Coa posibilidade de fragmentación do uribismo, estímase tamén que o legado de Uribe interpreta un proceso de “derechización” da política e sociedade colombianas. Non semella existir alternativa ao programa de “seguridade democrática” que estipula a total derrota militar das FARC e da guerrilla, un escenario que va directamente ligado ao afondamento da cooperación militar con Washington, a través da ampliación de bases militares en territorio colombiano, e que tanta polémica provoca entre os seus veciños. En todo caso, a decisión da Corte Constitucional, considerada a máis transcendental desde a súa creación en 1991, confirma o final dunha era na política colombiana. Con isto, resulta dubidosa unha retirada formal dun Uribe que, con 57 anos, moi probablemente reconfigurará o seu rol político. No fondo, o que se aprecia é o impacto político da decisión da Corte, un aspecto que reforza o considerable carácter institucional da política colombiana. |
||||||||
|
||||||||
|
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 04/03/2010
|
||||||||
|
||||||||