| Presenza-Opinión |
||||||||
| Paraguai: camiño da “colombianización”? Roberto Mansilla Blanco (igadi.org, 17/05/2010) |
||||||||
A inesperada reaparición da guerrilla marxista Exército Popular do Pobo (EPP) a finais de abril co asasinato de catro policías manifesta un serio obstáculo para o presidente paraguaio Fernando Lugo, definido en torno aos problemas de gobernabilidade e a sensación de debilidade estatal. Tras rachar con seis décadas de hexemonía autoritaria do Partido Colorado, a vitoria da plataforma Alianza Patriótica para o Cambio (APC) do ex sacerdote e actual presidente Lugo en 2008 supuxo un aire fresco orientado a cambiar a política paraguaia. Pero dende entón, o presidente afronta unha serie de dificultades nun país con amplas desigualdades socioeconómicas, azoutado pola pobreza, a corrupción e a criminalidade. Cun Congreso dominado pola oposición, Lugo recibe presións dende diversos sectores da plataforma gobernamental, que premen por cambios máis radicais e inmediatos. Igualmente, increméntanse os constantes rumores de golpe militar (un factor tradicional na política paraguaia) así como a actividade das mafias e do narcotráfico que ameazan o tecido institucional e social. En 2009, Washington incluíu a Paraguai nunha lista de grandes produtores e tráfico da marihuana. Neste contexto, a recente irrupción do EPP, acusado de posuír vínculos estreitos coa guerrilla colombiana das FARC, obrigou a Lugo a declarar o “estado de excepción” en cinco departamentos a nivel nacional, orquestrando un amplo dispositivo militar contra un ínfimo grupo de guerrilleiros. No entanto, este plan evidenciou diversas fallas de coordinación entre as forzas de seguridade, aumentando así a percepción de debilidade gobernamental. Premido dende diversos sectores, Lugo veuse persuadido a facer unha inmediata demostración de forza que deixara de lado a sensación de debilidade do seu goberno. Pero vese entrampado nunha serie de disputas internas, a máis importante emanada do propio vicepresidente Federico Franco, quen comeza a erixirse como o principal detractor da xestión de Lugo. A mediados de abril, Franco liderou unha concentración pública opositora. Velaí a importancia xeopolítica de Paraguai no contexto sudamericano, en especial para actores como Brasil e EUA e veciños como Arxentina e Bolivia, que se amplían ante os intereses externos polos seus importantes recursos hidráulicos en clave enerxética. Deste modo, o espectro da “colombianización” afronta perigosos retos para a estabilidade paraguaia e o curso do cambio progresista impulsado por Lugo. |
||||||||
|
||||||||
|
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 17/05/2010
|
||||||||
|
||||||||