Presenza-Opinión Volver a TitularesVolver a Presenza/Europa/ Europa
Orient Express para Merkel
Roberto Mansilla Blanco (igadi.org, 03/04/2010)

Versión para imprimir

 

A presente visita a Turquía da chanceler alemá Anxela Merkel suporá un fugaz reequilibrio nas sempre delicadas relacións turco-europeas, determinadas no actual contexto por unha serie de variables que poderían definir unha reorientación xeopolítica para Ankara.

Tradicional detractora do ingreso pleno turco na UE, Merkel reorientará as prioridades de Bruxelas a fin de tentar revitalizar unhas negociacións de admisión paralizadas por contrariedades mutuas e o espectro da crise económica. O goberno islamita do primeiro ministro Recep Tayip Erdogan e o seu partido AKP, comezan a recear das verdadeiras intencións europeas co respecto ao ingreso turco, máxime agora que Bruxelas adianta un proceso de ampliación cara países balcánicos como Croacia.

Non obstante, Berlín observa con suma atención a posibilidade dunha reorientación xeopolítica turca, cada vez máis oscilante cara Oriente. Dentro dun pulso interno entre Erdogan e as elites seculares e militares, que tamén comezan a “cansarse” dos retardos de admisión dende Bruxelas, o actual goberno turco ven manifestando unha visión non tan acorde cos intereses occidentais pero que se explica por diversos imperativos estratéxicos.

Estes factores de fricción entre Turquía e Occidente teñen que ver, entre outras variables, polo apoio turco ao programa nuclear iraniano, o seu rexeite das sancións occidentais contra Teherán; as críticas de Ankara contra Israel pola situación palestina; o achegamento enerxético cara Rusia e China; e o malestar turco ante o recente recoñecemento do Congreso estadounidense do xenocidio armenio.

Merkel tamén recea das pretensións existentes no seu país ante a apertura das “escolas turcas”, tomando en conta a potencialidade da emigración turca na Alemaña, estimada en tres millóns de persoas. Durante unha recente visita a Alemaña, Erdogan defendeu vehementemente a escolarización turca, considerando que a asimilación á cultura alemana era “un crime contra a humanidade”. En todo caso, a visita de Merkel a Turquía servirá para retomar a iniciativa de considerar a Turquía como un socio estratéxico europeo.

Pero o péndulo xeopolítico e o pulso interno en Ankara aducen dun contexto complexo e delicado para Europa, en especial ante o recente desmantelamento dunha enorme trama militar golpista contra Erdogan e as tensións entre o AKP e diversas elites ante os posibles cambios constitucionais, en especial ante o excesivo carácter secular do Estado turco. Tentando asegurar o vagón occidental para Turquía, Merkel e a UE poden verse diluídos nun tenso viaxe cara o Orient Express.

 
 

Roberto Mansilla Blanco,
analista do Igadi.

Roberto Mansilla Blanco, clic para aumentar
 
Volver a TitularesVolver a Presenza/Europa



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 06/04/2010


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta