| Presenza-Opinión |
||||||||
| O fraude afgán Roberto Mansilla Blanco (Xornal de Galicia, 22/09/2010) |
||||||||
|
Unhas 3.000 denuncias formais e máis de 1.300 demandas de presuntas irregularidades e fraudes se presentaron ante a Comisión de Queixas Electorais en Kabul, tralas eleccións lexislativas realizadas o pasado sábado 17. En xaneiro pasado, o Consello Electoral afgán decidiu aprazar estas eleccións inicialmente previstas para maio. Desde abril, esta mesma comisión recibiu tamén unhas 1.700 denuncias de irregularidades na campaña electoral dos candidatos á Loya Jirga ou Parlamento. Estes datos son sintomáticos do que ocorre en Afganistán, cuxas eleccións presidenciais de 2009 que reelixiron ao actual mandatario Hamid Karzai, estiveron salpicadas de numerosos fraudes que obstaculizaron a súa polémica entronización. Polo tanto, para o desacreditado Karzai, estas eleccións lexislativas pulsaban a posibilidade de recuperar un nivel de lexitimidade case absolutamente desvanecido polos manexos do seu goberno. Incluso, diversos observadores internacionais amosaron a súa desconfianza sobre a transparencia destes comicios lexislativos. Nove anos despois da invasión estadounidense que desaloxou ao réxime talibán, Afganistán dilúese nun clima de corrupción, nepotismo, impunidade e visos de anarquía política, só levemente maquillada pola presenza militar de EEUU e dos seus aliados, así como dos inesgotables esforzos do presidente Barack Obama por concentrar a atención cara a estabilidade deste país centroasiático, afirmando a idea de ser o “epicentro do terrorismo yihadista”. Coa mente posta nun eventual retiro militar a partir de xullo de 2011, a Washington pode resultarlle caro o mantemento de Karzai no poder. Pero a realidade pode obrigar a mantelo a toda costa. O 2010 xa é considerado como o ano máis violento en Afganistán, con 529 soldados internacionais mortos, mentres diversos países da coalición internacional inician os seus preparativos de retirada de tropas. Washington gasta anualmente US$ 100.000 millóns en Afganistán, un monto sete veces maior que o PIB dese país. Ironicamente, estes fondos provenientes serven para subornar aos poderosos “señores da guerra” e incluso moitos sospeitan que tamén van dirixidos aos xefes talibáns, a fin de garantir un mínimo de estabilidade no país. Mentres afonda a súa obsesión por estabilizar Afganistán, Obama debeu acometer en xullo pasado unha crise militar coa destitución do xeneral Stanley McChrystal por realizar críticas contra a súa xestión, sendo substituído polo xeneral David Petraeus, ex comandante das forzas aliadas en Iraq. Peor aínda é a xestión de Karzai. Previo ás eleccións lexislativas aconteceu a caída do Kabul Bank, un emporio de corrupción dirixido por Mahmud Karzai, irmán do presidente e quen financiou a súa campaña presidencial de reelección en 2009. Con perdas financeiras por valor de US$ 300 millóns e desvío de fondos a propiedades persoais en Dubai, a caída deste banco ameaza con arrastrar a un sistema financeiro absolutamente débil e lastrado por mecanismos de corrupción que, ironicamente, contribúen ao seu “normal” funcionamento. A corrupción e a impunidade do goberno de Karzai resulta tan evidente que sería absolutamente irrisoria a súa erradicación por medios punitivos. Un asesor militar estadounidense en Afganistán considerou que “unha campaña aberta para erradicar a corrupción é absolutamente contraproducente”. No Senado estadounidense bloqueouse recentemente un informe sobre a corrupción en Afganistán. Un recente informe de Transparencia Internacional colocou a Afganistán no posto 179 entre os 180 países máis corruptos do mundo, só por riba de Somalia. A todas luces, o fraude semella ser a tónica da transición en Afganistán. |
||||||||
|
||||||||
|
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 22/09/2010
|
||||||||
|
||||||||