| Presenza-Opinión |
||||||||
| Fin de ciclo en Londres Roberto Mansilla Blanco (Xornal de Galicia, 06/05/2010) |
||||||||
|
Independentemente do resultado electoral deste 6 de maio, Gran Bretaña apréstase a experimentar un cambio de ciclo electoral e político, fortemente determinado pola posible atomización do seu escenario político post-electoral, certificando así o esgotamento do clásico bipartidismo británico. Os síntomas deste cambio tradúcense, en primeiro lugar, ante a posible finalización do período laborista iniciado con Tony Blair en 1997 e continuado co actual primeiro ministro Gordon Brown. A peor recesión económica de posguerra, un desemprego superior ao 8% e o desprestixio da clase política ante diversos escándalos parlamentarios, son factores que confirman a impopularidade de Brown e a erosión do caudal electoral dos laboristas. Ante o desgaste do laborismo, as previsións electorais aseguraban o retorno dos conservadores tories a Downing Street, da man do seu candidato David Cameron, quen personifica a renovación do conservadorismo británico post-thatcherista. Non obstante, a aparición dunha alternativa denominada Neil Clegg, candidato do partido Liberal Demócrata, complicou de tal forma o panorama electoral que o mesmo estará practicamente concentrado nas mans dos votantes indecisos. Posuidor dun discurso alternativo e atractivo ante a clásica hexemonía de laboristas e conservadores, o sorprendente ascenso electoral do “factor Clegg” confirma porqué estas eleccións serán as máis disputadas das últimas décadas, sen perspectivas claras de que algún partido obteña a maioría absoluta no Parlamento. Aínda que non logre a vitoria, Clegg espera converterse na chave decisiva para formar o próximo goberno británico. Outro factor clave deste proceso electoral concentrouse no espectro mediático, en especial ante a inédita utilización dos debates televisivos como elemento esencial para medir o pulso político. Así, o “factor TV” permitiu a Clegg converterse na estrela desta campaña, mentres consolidaba as opcións de Cameron e confirmaban o esgotamento de Brown. En clave de predicción, a máis que probable posibilidade dun Parlamento sen maioría absoluta (o denominado “Hung Parliament”) daría paso a un frenético proceso de negociacións e alianzas. Así, Cameron e Brown tentarían “consolidar” o bipartidismo a través dun pacto destinada a frear a Clegg. Por contra, se o voto dos electores perfila un castigo a Brown, Gran Bretaña prepararíase para un inédito goberno entre Cameron e Clegg, confirmando aos liberal demócratas como a gran alternativa política. Noutros escenarios, a crise económica pode igualmente determinar o ascenso da ultradereita antiinmigración personificada no Partido Nacional Británico (BNP), especialmente en feudos de tradicional voto laborista na periferia londiniense. Así mesmo, os partidos nacionalistas en Escocia, Gales e Irlanda do Norte esperan obter importantes ganancias electorais, premendo así por un reacomodo institucional con Londres en materia de autonomía. Dende calquera perspectiva, as eleccións británicas anuncian un inevitable cambio de ciclo político, con tres candidatos que por vez primeira afrontan un reto electoral marcado polas incertezas.
|
||||||||
|
||||||||
|
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 05/05/2010
|
||||||||
|
||||||||