Presenza-Opinión / OutrosVolver a TitularesVolver a Presenza/Outros
Armas sen crise
Roberto Mansilla Blanco (igadi.org, 07/06/2010)

Versión para imprimir

 

O último informe do Instituto Internacional de Estudos para a Paz de Estocolmo (SIPRI) asegura que, pese á crise financeira e económica global, o gasto mundial en armamentos alcanzou unha cifra récord, ao totalizar 1,2 miles de millóns de euros, un aumento do 6% co respecto a 2008 e do 49% co respecto ao 2000. Un 65% dos países aumentaron o seu gasto militar co respecto ao 2009 que, explicado a nivel global, correspondería a un 2,7% do PIB mundial.

En principio, este informe non ofrece maiores sorpresas. EEUU, epicentro da crise económica global iniciada en 2008, segue ser o principal comprador mundial de armamentos, con 661 mil millóns de dólares, un 54% do gasto mundial en 2009. China, Francia, Rusia, India e Brasil secundan a Washington no liderado desta lista.

Para os imperativos xeopolíticos de Washington, resultaría imprescindible incrementar un gasto en defensa absolutamente comprometido en misións tan incertas como Afganistán e Iraq e ante un contexto de riscos en Oriente Próximo, Asia Central e o sueste asiático.

Pola súa banda, e a distancia de EEUU, China emerxe neste contexto como evidente polo de equilibrio militar mundial, toda vez que as suspicacias persuaden a Rusia e Francia a incrementar un gasto que conserve o seu status de potencias militares. Compre igualmente considerar a inclusión nesta lista de grandes compradores mundiais de armamentos a países como Arabia Saudita, Xapón e Alemaña.

Resalta neste informe o caso de América Latina, cuxo gasto militar foi calculado pola SIPRI en 34.000 millóns de euros. Brasil lidera esta lista, cun 16% de aumento deste gasto co respecto a 2008, tomando en conta as súas pretensións a longo prazo de constituírse nun gran produtor mundial de armamentos e futura potencia nuclear. Durante 2009, Brasilia confirmou esta pretensión alcanzando importantes acordos militares con socios como Rusia, Francia e Irán, neste último caso máis como avaliador político e diplomático dun novo mapa nuclear global.

Outros países como Colombia, Chile, México e Venezuela, destinarán ata o 2015 un gasto en defensa valorado en 235.000 millóns de dólares. Non obstante, compre considerar algúns aspectos relevantes do informe do SIPRI. Un caso particular é o de Venezuela, constantemente acusada de dar curso a unha “carreira de armamentos” en América do Sur, a tenor da súa avanzada cooperación militar desde 2005 con países rivais e incómodos para EEUU, como Rusia e Irán.

O SIPRI considera que no 2009, Venezuela foi o único país latinoamericano que diminuíu considerablemente o seu gasto militar, cun 25% menos co respecto a anos anteriores. Nos casos colombiano e mexicano, estímase este gasto ante os conflitos internos derivados da loita contra a insurxencia guerrilleira e o narcotráfico. Pero o contexto sudamericano aduce de importantes retos en materia de seguridade, derivados tamén das tensións na rexión andina entre países como Colombia e Venezuela ou Chile, Perú e Bolivia.

Paralelamente, Asia e Oriente Próximo lideran o gasto mundial en defensa por rexións, cunha taxa acelerada do 8,4% no caso asiático. O informe do SIPRI confirma así que a pesar de que o contexto de crise económica debería obrigar aos gobernos e institucións multilaterais a investir na recuperación económica e no en gasto social, a industria de armamentos segue a gozar de boa saúde, proliferando a nivel global mentres multiplica o risco de conflitos e inseguridade.

 
 

Roberto Mansilla Blanco,
analista do Igadi.

Roberto Mansilla Blanco, clic para aumentar
 
Volver a TitularesVolver a Presenza/Outros



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 08/06/2010


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta