| Presenza-Opinión / Outros |
||||||||
| A “guerra” de Wikileaks Roberto Mansilla Blanco (Xornal de Galicia, 04/12/2010) |
||||||||
|
As recentes revelacións de Wikileaks, desclasificando un total de 250.000 documentos do Departamento de Estado de EEUU sobre as actividades internacionais do seu entramado diplomático e de espionaxe, abren un novo foco de atención que certifica os temores de Washington ante a elevada posibilidade de ver diminuído o seu poder e influencia nos escenarios globais. Tras publicar os polémicos papeis sobre a actuación estadounidense en Afganistán e Iraq, Wikileaks concentra agora a súa atención nas percepcións de Washington cara determinados líderes e escenarios, revelando ao mesmo tempo unha notable deficiencia analítica á hora de percibir as claves da política internacional actual. Alén do interese mediático xerado sobre as “revelacións secretas” de aspectos íntimos de líderes como Putin, Sarkozy, Gaddafi, Cristina K ou Berlusconi, a nova filtración de Wikileaks certifica as prioridades (e temores) de Washington. Basicamente, a prioridade cífrase na obsesión por frear a Irán na consecución dun programa nuclear que alteraría aínda máis o desequilibrio militar e xeopolítico desde o Mediterráneo ata Asia Central. A contención de Teherán supón un aspecto directamente proporcional á confusión existente en Washington sobre a evolución da Turquía de Erdogan, en especial ante os temores probablemente infundados da súa pretendida “axenda islámica oculta”. A emerxencia turca no escenario internacional baixo unha óptica xeopolítica independente dos intereses occidentais confirmaría os temores de Washington de perder a súa influencia nun país estratéxico e membro da OTAN, especialmente ante a incerta solidez do pacto nuclear subscrito recentemente por Irán, Turquía e Brasil. O illamento hemisférico cara Chávez revelaría as intencións de Washington por coartar a influencia rexional do presidente venezolano, en especial polas súas alianzas con Rusia, Irán e China, que restarían capacidade de influencia estadounidense en América Latina. Por outra banda, a revelación das rivalidades internas dentro da coalición do goberno de Merkel en Berlín ou a obsesión de Sarkozy por alcanzar un peso relevante na política internacional interpretarían a percepción de Washington sobre a debilidade política europea, ao mesmo tempo que o espionaxe estadounidense dentro da ONU confirma a desconfianza de Washington cara os organismos multilaterais a nivel global. Finalmente, a obsesión de Washington cara China interpreta a perda de peso e influencia estadounidense en Asia, un factor clave se consideramos a actual crise na península coreana e a capacidade e intentos diplomáticos de Beijing por solucionala. Tras publicar as súas últimas revelacións, Wikileaks anticipa unha futura desclasificación de documentos que involucran a escandalosos manexos “dun gran banco multinacional”. Tras denudar a trama oculta en Afganistán e Iraq, así como os pormenores da “diplomacia secreta global” de Washington, a óptica de Wikileaks apuntará agora cara os responsables da actual crise financeira e económica global. |
||||||||
|
||||||||
|
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 04/12/2010
|
||||||||
|
||||||||