| Presenza-Opinión |
||||||||
| Turquía: o degoiro de ser outra cousa Ramón Lugrís (A Nosa Terra, 14/01/2010) |
||||||||
|
Nunha das novelas do escritor turco e Premio Nobel Orhan Pamuk (O libro negro), o protagonista, Galip, entra nun almacén de maniquíes que ningún comerciante de Estambul quere na sua tenda porque son maniquíes de “auténticos turcos, aqueles auténticos conciudadáns nosos” e os turcos xa non querían seren turcos, senon outra cousa. . Por esa razón, desbotaran o uso do “fez”, tíñanse rasurado e ata cambiaran o seu idioma e o alfabeto, adoptando o alfabeto latino. Tiñan feito nos anos 20 do século pasado unha revolución “reformista”, liderada por Mustafá Kemal (Ataturk, “pai dos turcos”), que tanto noxo lle causara a Vicente Risco cando acusaba a Ataturk de ser “asasino da sua patria”1 e dicía que o nacionalismo kemalista era propio de descastados “de inferiores engaiolados polo refugallo da nosa civilización, que nós escomenzamos a despreciar”. O próximo día 16 deste mes de xaneiro, Estambul, a capital histórica de Turquía, xunto con Pesc, en Hungría, e Essen, en Alemania, vai se convertir en Capital Europea da Cultura. Nunha recente visita podíase comprobar a importancia que ese acontecemento tén, non só para Estambul, senon para toda Turquía. A capitalidade cultural pode ser unha oportunidade para o país demostrar, por unha banda, a sua vitalidade e criatividade en todolos eidos culturais e, por outra, o que podería aportar a Europa como membro da Unión Europea, se as tantas veces retrasadas negociacións coa Unión chegaran a dar froito. Ou o que Europa podería perder no caso de que fracasaran. Orhan Pamuk, sempre partidario do entendemento entre Europa e o seu país, laiábase en 2005, no seu discurso de aceptación do Friedenpreis (o Premio da Paz otorgado polos editores alemáns) de que os turcos sentían algo así como unha “vergoña silenciosa” ao veren que, cada vez que petaban na porta de Europa para ver si se cumprian as promesas europeas e os deixaban entrar, Europa endurecía as condicións e vían cómo medraba un sentimento anti-turco en varios países. Con todo, Turquía non ten todas as suas esperanzas postas na Unión Europea. Como potencia rexional e cabeza dunha comunidade lingüística, o país pode seguir outros camiños. Turquía é un país con moitas posibilidades de desenvolvemento económico e de ser un factor xeopolítico importante. Desenganado o seu Goberno da política de amistade con Israel, está desenvolvendo unha aproximación a Irak, Siria e Irán (recentemente, falouse da posibilidade de que Turquía almacenara parte do uranio enriquecido de Irán e así contribuir a solucionar o problema que enfronta a Irán cos países occidentais). E alén diso, Turquía preséntase como un excelente camiño para que o petróleo e o gas de Asia Central cheguen a Europa. Estambul, como capital cultural de Europa, unha cidade na que conviven en boa armonía as tres relixións monoteistas, é símbolo e demostración de que non é inevitable o “choque de civilizacións”, senon que cabe a posibilidade dunha “alianza” entre elas. A capitalidade cultural de Estambul pódese convertir nun motor para que Turquía faga realidade ise degoiro, fondamente enraigado na alma turca, de ser outra cousa, como querían ser os personaxes de Orhan Pamuk. 1 Nacionalismo galego, in “Alento”, 7-8, xaneiro-febreiro, 1935, páx. 157. 2 Reinvención de Turquía, “El País”, 6 de xaneiro de 2010. |
||||||||
|
||||||||
|
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 13/01/2010
|
||||||||
|
||||||||