| Igadi na Rede / Presenza-Opinión - Un ano de Obama |
| Un ano de Obama Xulio Ríos (ECO, 02/2010) |
Un ano despois de asumir o cargo, qué foi da axenda de cambio de Obama? Ninguén pode negar que dende o primeiro día do seu mandato o cambio que espertou a esperanza dos estadounidenses e do mundo estaba na súa axenda; non obstante, a día de hoxe, os resultados son escasos, circunstancia reflectida na baixa dos seus índices de aprobación interna, por debaixo do 50% segundo os estudos demoscópicos realizados por Gallup ou a CNN (fronte a máis do 70% rexistrado en xaneiro do pasado ano), un descenso relativamente rápido que evidencia os límites da súa acción de goberno. A nivel global, medra tamén o escepticismo mundial, especialmente despois da súa actuación no cumio de Copnehague e no desempeño en Afganistán, con discursos que lembran a época bushiana. En Estados Unidos, as causas directas da perda de popularidade de Obama relaciónanse coa evolución económica (en especial co desemprego, que supera o 10%), a reforma en materia de saúde ou a súa política exterior, moi especialmente a decisión de intensificar a guerra en Afganistán. Na propia reforma sanitaria, á que ligou o seu prestixio político, a renuncia a aspectos esenciais (como a creación dun seguro sanitario público) en aras de conseguir o consenso, desalentou aos sectores máis progresistas toda vez que tampouco constitúe unha garantía de aprobación no duro camiño que aínda lle resta por percorrer ata a súa aprobación final. O desenlace desta importante reforma, clave para a conservación ou destrución do capital político de Obama, segue sendo incerto. No eido económico, co enorme paquete de axuda (preto dun billón de dólares) e outras medidas (tanto no eido industrial como social), cabe recoñecer que Obama logrou evitar a total debacle da economía estadounidense, pero non de todo que esta volva a funcionar. Na política exterior, o presidente Obama fixo maior fincapé nas ameazas non tradicionais, como o cambio climático e a proliferación de armas nucleares, trasladando a guerra contra o terrorismo de Iraq a Afganistán. Houbo tamén un novo tón apostando formalmente polo multilateralismo, o pragmatismo e a conciliación (en especial co mundo islámico e os “estados inimigos”), o cal contrasta vivamente coas tendencias da anterior Administración. Todo foron eloxios –e ata algún inesperado premio- para esa actitude. Non obstante, tamén aquí, ademais das dúbidas que concita a súa decisión respecto a Afganistán, están por detectarse diferenzas concretas que liberen a política exterior estadounidense do seu egocentrismo e da mentalidade imperial. A recuperación da confianza perdida pasa en EEUU pola mellora da economía e do emprego. Por outra banda, se os republicanos logran paralizar a reforma do sistema de saúde, Obama pagará un elevado prezo, danando tanto á súa credibilidade política como a propia unidade do seu partido. O envío de 30.000 soldados máis a Afganistán abre a triste expectativa dunha guerra sen fin... Urxen de Obama xestos que permitan renovar a confianza na sinceridade da súa vontade de cambio. |
|
Xulio Ríos, director do Igadi. |
| 02/2010 (c) Igadi, Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional, www.igadi.org |
| http://www.igadi.org/artigos/2010/xr_un_ano_de_obama.htm |