| Igadi na Rede / Presenza-Opinión - Desconcerto no Vaticano |
| Desconcerto no Vaticano Xosé Luís Franco Grande (A Nosa Terra, 22/04/2010) |
Nunca a política vaticana voou tan rente do chán como nos recentes casos de pederastia, ben coñecidos en todo o mundo. E nunca, ademais, un feito que nada ten de novo, senón todo o contrario, produciu no Vaticano tal desconcerto -e aínda desgoberno. Primeiro agochan os casos de abusos sexuais (nin sequera aceptan esa expresión), logo protexen aos curas pederastas, despois sosteñen que hai unha conxura contra a persoa do Papa ou que o que di a prensa é pura latricada. E as desautorizacións ás declaracións das autoridades da curia romana sucédense cada día. Pero o máis grave, ao meu ver, son as recentes palabras do Papa en Malta: “A Igrexa está ferida polos nosos pecados”. ¿Só a Igrexa? Nin unha palabra para as vítimas. Un ten dereito a preguntar se esas palabras proveñen en realidade dun cristián. (Máis dunha vez temos escrito, penso que sen radicalismo, que este Papa nos parece moi pouco cristián). A ninguén pode estrañar que semellante actitude mine a credibilidade da Igrexa Católica ou a suposta autoridade moral do Papa. Algúns comentaristas falan de fallos na estratexia de comunicacións do Vaticano. Pode que si, pero sen esquecer tamén un cinismo como o do peor centro de poder mundano. Un estaba acostumado a unha política moito máis sutil, de moi superior “finezza”. ¿Que está pasando no Vaticano para que tan grande cambio se produza e de maneira tan manifesta? Porque, por ese camiño, non cabe dúbida de que Bieito XVI está acelerando o que hai tempo se vén percibindo: converter a Igrexa Católica nun anacronismo. |
Xosé Luís Franco Grande é escritor. |
| 26/04/2010 (c) Igadi, Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional, www.igadi.org |
| http://www.igadi.org/artigos/2010/xr_desconcerto_no_vaticano.htm |