| Igadi na Rede / Presenza-Opinión - Des-Grecia |
| Des-Grecia Xosé Manuel Figueiras (A Nosa Terra, 18/02/2010) |
O ano 2010 non comezou ben para Grecia. Os altos niveis de endebedamento, o 113% do PIB, cuberto masivamente con reiterados déficits presupostarios (12,7% do PIB), catro veces por riba dos límites marcados pola UE no contexto da crise financeira internacional, formaron un coptel mortal que forzan a tomar medidas drásticas de contención do gasto, baixo a presión dos líderes da UE que temen polos investimentos dos seus bancos en Grecia. En efecto, Europa anda preocupada por que estenda unha nube de impagos de empréstitos, de momento en Grecia, fomentada non tanto pola credibilidade financeira de Grecia como polos rumores nacidos nos edge funds, que auguran efectos dominó na caida das economías, fomentan a especulación monetaria, e ganan diñeiro con rumores a corto prazo. É certo que as débedas pendentes para este ano en Grecia agárdanse cuantiosas, pois esperase que acaden os 290 millóns de euros. Non nembargantes, o custo da débeda subiu conforme a boa imaxe do país foi deteriorándose, ao igual que eses mesmos rumores pretenden facer con outras economías como Irlanda, Portugal ou España nomeadamente. O medo a que a bancarrota grega poida danar a credibilidade do Euro e minguar os investimentos dos grandes países europeos na zona, é o mecanismo para tensionar os tipos de cambio de maneira especulativa, polo que obrigou a realizar unha xuntanza dos máximos mandatarios europeos para chegar a un acordo de mínimos que realmente non transcendeu, para acalar temores. E por se había algunha dubida sobre a influencia internacional nos mercados locais, marca as pautas de actuación ao goberno grego para recortar o gasto público e tomar medidas drásticas no tocante á política fiscal. Os primeiros para os que tocou o pandeiro dos recortes foi para os funcionarios que por moito que se boten á rúa verán o seu poder adquisitivo reducido. En 1990 o emprego publico en Grecia estimábase xa no 30% do total do país incluíndo as empresas controladas polo estado. A idea de reducir e conxelar os soldos, suprimir os bonos adicionais e limitar a contratación de novos funcionarios dos distintos corpos, foi demasiado sobremesa para medio país que vive moi vencellado á función pública, e intenta de paralizar o goberno. Paradoxalmente, son os gobernos de ideoloxías de esquerda, como o goberno socialista de esquerdas grego dirixido polo primeiro ministro Georgios Papandreou, os que deben tomar as medidas máis radicais para facerlle fronte á crise provocada polas políticas neoliberais, e polos instrumentos oportunistas que estas políticas xeraron e seguen a xerar. Por outro lado o certo é que o caso grego non deixa indiferente a ninguén, pois nun país con menos de cinco millóns de traballadores, o maior dos sindicatos de funcionarios suma 500.000 afiliados, capaces de paralizar as estruturas do estado. En definitiva, os rumores orixinados nos edge funds atacan os eslavóns débiles da cadea, e en Grecia existen moitas feblezas e incongruencias. As medidas do goberno pretenden reducir o gasto e incrementar os impostos ata chegar a aforrar 800 millóns de euros para fortalecer economía do estado. De momento Europa non pon diñeiro, e “acudirán en rescate no caso de necesidade” escusándose en que Atenas non pediu axuda, entre outros motivos porque esa axuda hai que devolvela. Non obstante Papandreu xa ten axenda configurada: recorte do gasto, loita contra a corrupción e a evasión fiscal, sen descartarse unha rumoreada subida do IVE que pululou polos medios de comunicación gregos. Todo para recuperar a credibilidade dun país que polo que din as estatísticas traballa moito, 1900 horas por ano, seguidos por España (1800 horas). Outro tema é como se traballa nestes países.
|
|
Xosé Manuel Figueiras, analista colaborador do Igadi. |
| 17/02/2010 (c) Igadi, Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional, www.igadi.org |
| http://www.igadi.org/artigos/2010/xmf_des_grecia.htm |