Igadi na Rede / Presenza-Opinión - ¿Retirada de Afganistán?
 
 
¿Retirada de Afganistán?
Xosé Luís Franco Grande (A Nosa Terra, 15/04/2010)
 
 

É xa unha vella cuestión redundante. Incluso hai unha proposta de Barck Obama para que a retirada “comece”  no verán de 2011, pero, como tamén é sabido, negouse Obama a sinalar unha data para que todas as tropas se retiren de maneira definitiva.

Esa vella cuestión semella que, ao día de hoxe, pode coller novas posibilidades. Porque, en primeiro termo, en tempos de recesión, os impactos orzamentarios que supoñen soster esa e outras guerras, é cuestión moi viva e vital. O Servizo de Investigación do Congreso di que os custes directos chegan agora a 1,08 billóns de dólares, incluidos748 millóns de dólares para Iraq, 340 millóns de dólares para Afganistán e 29 mil millóns de dólares para “mellora da seguridade”

Por outra banda, segundo informa The Nation, do 7 deste mes de abril, dous coñecidos críticos contra a guerra, o senador Russ Feingold e o representante McGovern ,van presentar unha iniciativa en procura do que chaman un calendario “flexible” para a retirada das tropas de Afganistán.

Iniciativa que se espera poña a proba a administración de Obama –informa no mesmo xornal Tom Hayden-, por canto o que está en xogo é seguir sacrificando a vida dos estadounidenses combatentes e os  millóns de dólares que o corrupto Karzai engule sen piedade.

Cóntase con que a iniciativa teña certas dificultades, incluídos algúns senadores demócratas; pero tamén os seus pragmáticos propoñentes pensan que é de pouca sabedoría fiscal gastar en guerras sen fin os diñeiros dos contribuíntes. Ao mellor, por aí pode saltar a lebre.

 

Xosé Luís Franco Grande é escritor.

 
 
 
19/04/2010 (c) Igadi, Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional, www.igadi.org
http://www.igadi.org/artigos/2010/xfg_retirada_de_afganistan.htm