| Igadi na Rede / Presenza-Opinión - Responsabilidade política |
| Responsabilidade política Xosé Luís Franco Grande (A Nosa Terra, 29/07/2010) |
Nas nosas democracias é xa unha preocupación moi seria a da responsabilidade dos políticos (por exemplo, Bastien François, Le Monde, 24 de xullo), que vai á par da perda de confianza nestes, cada vez máis afastados da sociedade, polo que esta se afasta tamén dos políticos e das urnas. Non se trata de accións penais –non falamos de perseguir delitos, nin de ningunha falta nin de ningunha culpabilidade. Trátase da responsabilidade en que pode incorrer o mandatario, o político, se non cumpre coa encomenda que lle conferiron os seus representados. A solución é tan vella como a democracia: revogación do mandato conferido ao representante. Pero é visto que se trata dunha solución a moi longo prazo, en termos xerais. Producida a perda de confianza no mandatario, debera darse a posibilidade dunha inmediata revogación, ou medida semellante. Unha solución posible pode vir polo camiño do exercicio da democracia directa –en Suíza, por exemplo o exercicio da democracia directa, tal como o entenden os suízos, podería axudarnos a dar coa vía axeitada-; ou pola modificación legal do sistema de responsabilidade civil esixido aos políticos, cousa pouco probable. Nada hai menos funcional e máis entorpecedor nas democracias que o reiterado incumprimento do mandato político. Porque non só produce desafección nos mandantes, senón tamén porque nos leva á desconfianza e ao deterioro das institucións. Ningunha democracia pode manterse na desconfianza e no deterioro das institucións. A solución non é fácil; pero é moi urxente. |
Xosé Luís Franco Grande é escritor. |
| 29/07/2010 (c) Igadi, Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional, www.igadi.org |
| http://www.igadi.org/artigos/2010/xfg_responsabilidade_politica.htm |