Igadi na Rede / Presenza-Opinión - Quebra das políticas nacionais
 
 
Quebra das políticas nacionais
Xosé Luís Franco Grande (A Nosa Terra, 10/06/2010)
 
 

Cando alguén como Jean-Claude Trichet, Presidente do Banco Central Europeo, empeza a decatarse de que a estabilidade financeira da zona euro pode alterarse  polas malas políticas fiscais dalgúns países e de que as responsabilidades específicas de cada país son a causa principal desas malas políticas que cómpre corrixir, algo se move. (Le Monde, 3 xuño).

O mesmo Trichet nos di que a vixilancia das políticas fiscais, os cambios na competitividade das economías da zona euro e as reformas estruturais deben ser radicalmente melloradas. Somos –di- unha federación de diñeiro. Agora cómpre una federación fiscal para o control e seguimento das finanzas públicas.

Dito doutra maneira: Trichet estanos dicindo que é indispensable que a UE faga e manteña unha política orzamentaria común –o que non é nada novo. Pero, á par, está suxeríndonos que Europa debe dotarse dunha política económica común, por riba e máis alá das políticas nacionais, ben fracasadas ao día de hoxe.

E, sen moito esforzo, cabe chegar á conclusión de que a UE debe dotarse dunha política común en materias que exceden dos intereses nacionais, e que son moitas e esenciais, pois eses intereses son os que máis teñen dificultado a evolución de Europa como unidade.

Como ben dixo recentemente AlainTouraine, é unha urxencia histórica desta hora que Europa acade de novo o camiño que emprendera despois da segunda guerra mundial. De non acadar axiña ese liderato político, o noso destino pode ser caer nu n cavorco de moi difícil e, ao mellor, case imposible saída.


 

Xosé Luís Franco Grande é escritor.

 
 
 
11/06/2010 (c) Igadi, Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional, www.igadi.org
http://www.igadi.org/artigos/2010/xfg_quebra_das_politicas_nacionais.htm