| Igadi na Rede / Presenza-Opinión - Outro capitalismo |
| Outro capitalismo Xosé Luís Franco Grande (A Nosa Terra, 08/07/2010) |
Moitos autores –como Maurice Lévy, Le Monde, 27.05.10- pensan que o capitalismo que vén, despois da crise actual, será ético ou non será nada. A crise é unha suma da incompetencia dos banqueiros, das compracentes axencias cualificadoras, dos reguladores culpables, dos “bonos”, dos Estados e as súas débedas e as súas mentiras... Unha crise de valores que nos levou a unha verdadeira catástrofe (aínda no literal significado grego da palabra, de volta completa) e que significa un moi alto prezo a pagar: millóns de empregos destruídos, incremento da fraxilidade das empresas, millóns de familias na rúa... O que nos levou á súa vez, di tamén Maurice Lévy, a unha crise de confianza que afecta á sociedade enteira e que ningún plan de salvamento poderá facer desaparecer. Cidadáns, consumidores, asalariados, accionistas... ¿en quén e en qué poden ter confianza? Medio ambiente, desenvolvemento sostible, ética da responsabilidade cidadá e social, goberno das empresas, transparencia ¿van por aí os camiños para unha creación de valores máis asociativos que accionariais? ¿Ou na renuncia ao que foi o éxito do capitalismo –o éxito individual- polo ben colectivo? Non digo que Maurice Lévy non leve razón. O que digo é que –quen teña dúbidas que repare na recente xuntanza do G-20 en Toronto- certos poderes económicos están podendo cos estados e van camiño de gañarlles a partida, como ben se ve no que está custando volver á indispensable regulamentación dos mercados. Penso que esa é a gran batalla na que se está decidindo o noso porvir. |
Xosé Luís Franco Grande é escritor. |
| 10/07/2010 (c) Igadi, Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional, www.igadi.org |
| http://www.igadi.org/artigos/2010/xfg_outro_capitalismo.htm |