| Igadi na Rede / Presenza-Opinión - Negociacións abortadas |
| Negociacións abortadas Xosé Luís Franco Grande (A Nosa Terra, 18/03/2010) |
Non poden empezar peor as chamadas “negociacións indirectas” entre Israel e os palestinos. O recibimento a Joe Binden, vicepresidente dos EE UU, non puido ser menos político nin máis desavido ao anunciar que se autorizaba a construción de 112 novos asentamentos na Cisxordania ocupada. E tan contundente, ou máis, foron os EE U: a súa Secretaria de Estado condenou cunha dureza pouco común a decisión de Israel e o desaire ao vicepresidente do seu país. Tanto que Nétanyahu viuse obrigado a dicir que lle botaría unha boa rosmada ao funcionario que fixo tal anuncio. Pode que nunca como nesta ocasión se xogase Israel o todo polo todo desairando ao seu protector de tal maneira. Unha vez máis se confirman as convicións dos palestinos, que nunca creron na disposición de Israel a negociar, sinalando que só o facían como cortesía cos funcionarios dos EE UU, que impuxeron estas negociacións. Unha vez máis é visto que Israel non quere negociar, só pretende impoñer condicións que os palestinos non poden aceptar (os asentamentos son a seguridade de Israel, din) e tan só confía na forza do seu exército, a pesares de que hoxe tal cousa está lonxe de ser unha realidade. E tamén unha vez máis a paz no Oriente Medio non será posible. Porque Israel non a quere. |
Xosé Luís Franco Grande é escritor. |
| 22/03/2010 (c) Igadi, Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional, www.igadi.org |
| http://www.igadi.org/artigos/2010/xfg_negociacions_abortadas.htm |